Pestanas principais

O goberno municipal estuda abrir unha primeira fase do cemiterio municipal e construír un tanatorio ao seu carón

Venres, 17 de xullo de 2015

[17-07-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Blas García, acompañados do técnico que redactou o cemiterio municipal, visitaron esta infraestrutura municipal que está pendente de poñer en marcha dende o ano 2011. O goberno municipal está estudando varias vías de financiamento, a través de diversas Administración públicas como poden ser a Deputación da Coruña ou a Xunta de Galicia, para abrir unha primeira fase desta instalación. Ademais, están vendo a posibilidade de construír un tanatorio ao carón do propio cemiterio.

O obxectivo desta visita era ver de primeira man o estado de abandono no que se atopa o cemiterio municipal no que durante os últimos anos non se realizou ningún tipo de actuación nin tipo acondicionamento algún. Debido a iso, dende o goberno municipal pretende poñer en marcha esta infraestrutura que quedou “totalmente abandonada dende o momento no que finalizaron as obras”. Para iso, vanse a estudar varias vías de financiamento a través de diversas Administración públicas como poden ser a Deputación da Coruña ou a Xunta de Galicia.

Segundo explica o alcalde de Ames, José Miñones, “vamos a estudar o opción de abrir unha primeira fase do cemiterio municipal, pero antes hai que realizar un acondicionamento practicamente íntegro das instalacións desta instalación”. Miñones tamén apunta que “iniciar os trámites encamiñados á apertura dunha primeira fase do cemiterio dos Batáns, baixo xestión municipal, é un dos puntos que se recollen no pacto de investidura asinado entre os grupos políticos da esquerda en Ames, polo que vamos a traballar para que así sexa”.

Por outra banda, dende o goberno municipal están estudando a posibilidade de construír un tanatorio ao carón do cemiterio municipal. Segundo indica o rexedor municipal “trátase dun infraestrutura moi necesaria para un concello que ten unha poboación de 30.000 habitantes, polo que vamos a buscar o financiamento necesario para poder executala”.

Regulamento do cemiterio municipal
Cómpre lembrar que no pasado pleno ordinario do mes de xaneiro a corporación municipal aprobou por unanimidade o regulamento do cemiterio municipal. Esta instalación está situada nunha parcela de 24.600 metros cadrados no lugar dos Batáns, pertencente á parroquia de Ortoño. O cemiterio conta cun total de 1.976 nichos en panteóns e 55 nichos subterráneos e dispón de varios camiños descendentes que están deseñados coma se fosen rueiros.

Dentro do recinto cerrado do cemiterio hai unha capela-oratorio, un edificio de servizos, con aseos públicos, o deposito de cadáveres e outro pequeno edificio que alberga un almacén de xardinería, un osario e un espazo no que estaba previsto instalar un forno incinerador de residuos. Todos estes locais están pendentes de acondicionar.

Ao recinto pechado do cemiterio chegase a través de tres explanadas. Na primeira é onde está previsto que se constrúa no futuro un tanatorio, e as outras dúas están destinadas a aparcadoiros, nas que hai un total de 121 prazas para turismos, 2 prazas dedicadas a parada de bus e catro máis de estacionamento para autobuses.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno amiense busca fondos públicos para abrir el cementerio municipal"
El Correo Gallego: "Ames estudia vías de financiación para abrir el cementerio"