Pestanas principais

O goberno municipal está traballando para ofertar o squash dentro da programación de actividades das Escolas deportivas 2016-2017

Xoves, 10 de marzo de 2016

[10-03-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, asistiu onte á presentación do Spanish Master, que organiza o Club Squash Santiago. Trátase dun torneo no que participarán uns 90 xogadores de máis de 35 anos, entre o cadro masculino e feminino. Durante esta fin de semana disputaranse preto de 300 partidos nas instalacións do Milladoiro. Aproveitando a presentación deste evento o rexedor municipal anunciou que dende o goberno municipal se está traballando para chegar a un acordo co Club Squash Santiago e a Federación Galega de Squash co obxectivo de ofrecer a posibilidade de practicar squash dentro da programación de actividades das Escolas deportivas 2016-2017.

O Club Squash Santiago organiza por primeira vez un torneo do Circuíto Masters Europeo, circuíto que desde a súa creación hai dous anos está a adquirir cada vez máis adeptos. No cadro masculino as categorías van dende maiores de 35 anos ata M-70, mentres que no apartado feminino van dende M-35 ata M-45. Cómpre destacar que na categoría masculina de maiores de 70 anos están inscritos catro xogadores. O deportista masculino máis veterano é o portugués Fernando Valentín de 74 anos. Na categoría feminina, a xogadora máis veterana é a galesa Lynne Davies de 58 anos. O campionato comeza hoxe pola mañá e o domingo ao mediodía disputaranse as últimas finais.

Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, o presidente do Club Squash Santiago, Manuel Cornes, o director deportivo do Club Squash Santiago, Jesús Souto, o presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, o presidente da Real Federación Española de Squash, Rogelio Chantada, e o xerente de Volkswagen Yáñez, Pedro María de Castellanos.

O alcalde de Ames, José Miñones, indicou que “se trata dun torneo internacional de gran calado e cunha gran participación. Traer este tipo de competicións a Ames é moi importante porque implica que veñan moitas persoas a coñecer o noso concello. Dende o goberno municipal vamos apoiar este tipo de iniciativas porque son importantes para o fomento do deporte e para dar a coñecer Ames fóra do noso país”.

Jesús Souto, director deportivo do Club, destacou que “é un orgullo poder contar nas nosas instalacións con xogadores de primeiro nivel nas categorías Masters, entre eles algún gañador do prestixioso British Open Masters. Este torneo está espertando un gran interese xa que se apuntaron xogadores de 13 países europeos e deportistas de Exipto. Para este importante evento contamos co apoio e patrocinio das federacións galega e española, a través da Secretaría Xeral para o Deporte e do Consello Superior de Deportes, sen quen non sería posible levar a cabo tal acontecemento”.

Para esta cita, o Club Squash Santiago volverá contar coa pista de cristal que é a única que existe en España e das poucas de Europa permanentes. En canto á representación do Squash Santiago é bastante numerosa tanto en mulleres como en homes e varios dos seus xogadores parten como cabezas de serie nas distintas categorías. Resaltar que este evento conta coa participación de xogadores de trece nacionalidades, xa non só europeos, senón tamén do país que domina o squash mundial como é Exipto.

Escolas
deportivas 2016-2017
Aproveitando a presentación deste evento o rexedor municipal anunciou que dende o goberno municipal se está traballando para chegar a un acordo co Club Squash Santiago e a Federación Galega de Squash co obxectivo de ofrecer a posibilidade de practicar squash dentro da programación de actividades das Escolas deportivas 2016-2017.

José Miñones explica que “o Concello de Ames apoia todas estas actividades nas que se pretende fomentar o deporte. Ames é o municipio que ten a poboación máis nova de Galicia e como non pode ser doutra maneira ten que implicarse na práctica deportiva. Precisamente o squash é un dos deportes que queremos poñer en valor e para iso estase falando coa Federación Galega de Squash e o Club Squash Santiago para tratar de chegar a un acordo e ofrecer a posibilidade de practicar esta modalidade deportiva dentro das escolas deportivas do vindeiro curso 2016-2017.