Pestanas principais

O goberno municipal envíalle un informe á Consellaría de Sanidade para poñer de manifesto ás deficiencias existentes no servizo de recollida do lixo en Ames

Xoves, 30 de marzo de 2017

[30-03-2017] O goberno municipal está tratando de solucionar os problemas que se arrastran no servizo da recollida de lixo no concello de Ames durante as últimas semanas. Para iso está mañá envióuselle un informe ao departamento de saúde pública da Consellaría de Sanidade para trasladarlle a situación actual do servizo de recollida do lixo. Esta mañá tamén se reuniu a xunta de voceiros, na que participan todos os grupos políticos da corporación, para poñer enriba da mesa a situación actual e buscar unha solución. Ademais, alugouse un camión para recoller o lixo no Milladoiro, en Bertamiráns e na zona rural.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “a día de hoxe este asunto ten unha solución complicada a curto prazo, sobre todo porque non depende directamente do Concello e estase a utilizar a Ames na guerra entre FCC e a Mancomunidade. As deficiencias no servizo da recolleita do lixo están provocadas fundamentalmente polas malas relacións existentes entre a Mancomunidade Serra do Barbanza, que é a responsable de dar o servizo, e a empresa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), que é a encargada de xestionar o servizo e a planta de reciclaxe de Lousame. A empresa FCC utiliza como método de presión o servizo de recolleita do lixo, dicindo que os camións teñen moitos anos e están case sempre avariados, o que por outra banda é certo. Ademais, FCC solicítalle á Mancomunidade que compre camións novos e esta non o fai. Na actualidade están nun proceso de compra de tres camións, pero aínda se vai a tardar en dispoñer dos novos camións porque están inmersos nun concurso. Os cartos para ditos camións púxoos a Deputación da Coruña”.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “durante once anos nunca tivéramos un problema como este e o servizo de recolleita de lixo funcionou de xeito normal, con lagoas e erros, pero nunca acontecera esta incumprimento de servizo, e casualmente a finais do mes de febreiro comezaron os problemas. A empresa FCC comezou a non cumprir con Ames poñendo a escusa que carecía de camións porque estaban avariados, e dando como explicación que eran moi antigos e que a Mancomunidade estaba a incumprir co contrato e a súa obriga de renovar a flota de vehículos de recolleita. Postos en contacto con ambas partes observamos que a situación parece irreconciliable, e máis se temos en conta que na actualidade hai abertos once contenciosos entre ambas partes, ou o que é o mesmo o proceso xa está xudicializado, e quedan aínda 7 anos de contrato”.

Para intentar solucionar esta situación, esta semana o alcalde mantivo unha xuntanza co director rexional de FCC, o cal lle expuxo a súa posición avisando de que se agrada un verán moi complicado. Aínda así, chegou ao compromiso de que o camión de Ames só se vai a encargar de recoller o lixo no municipio amesán e non vai a prestar este servizo noutros municipios, como se estaba facendo ata o de agora por orden da Mancomunidade. De xeito paralelo, alugouse un camión para recoller o lixo que estaba acumulado nos colectores do Milladoiro, Bertamiráns e no rural. Dito camión comezou a funcionar onte pola tarde e recolleu máis de 7 toneladas de orgánico no Milladoiro e parte de Bertamiráns. Este vehículo ía a comezar a funcionar o martes 28 de marzo, pero a empresa FCC non lle permitiu a entrada na planta de Lousame.

Solicitude dunha xuntanza da Mancomunidade
Por outra banda, onte mércores 29 de marzo, o alcalde envioulle unha carta á Mancomunidade Serra do Barbanza solicitándolle de forma urxente que convoquen unha xuntanza con todos os concellos membros da Mancomunidade, incluídos os concellos que non son socios (Ames, Rois e Pontecesures), para aclarar a situación existente e buscar unha solución inmediata. Agárdase que dita xuntanza se realice a vindeira semana. Ademais, este pasado mércores o goberno municipal púxose en contacto coa Consellería de Sanidade (co departamento de Saúde Pública) para trasladarlle a situación actual. A maiores, esta mañá enviouse un informe a Saúde pública da Xunta de Galicia para poñer de manifesto a situación de Ames neste eido e que tomen as medidas que consideren oportunas. Esta mañá tamén se reuniu a xunta de voceiros na que participan todos os grupos políticos da corporación para poñer enriba da mesa a situación actual e buscar unha solución.

De xeito, paralelo os servizos xurídicos municipais están traballando para ver outras opcións contractuais e estase estudando a posibilidade de recoller o lixo e levalo a outros lugares. Tamén se vai comprobar como se desenvolve o servizo durante os vindeiros días, e de non cumprir co fixado, estudar a opción de alugar outro camión máis. Na actualidade os servizos económicos do concello xa están a realizar unha valoración do custe do servizo por cada día que o realizan de maneira irregular ou incompleta para estudar a posibilidade de sancionar á Mancomunidade por incumprimento de contrato e de reducir o pagamento das facturas. Asemade, estase vendo o xeito de compensar os danos ocasionados aos veciños e veciñas de Ames.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames estudia alternativas a Servia para tratar la basura por los fallos del servicio"
El Correo Gallego: "Aguardan un verano complicado en Ames para recoger basura"
La Voz de Galicia: "Ames recibe un camión especial para retirar la basura"