Pestanas principais

O goberno municipal entrega aos grupos da oposición o borrador do futuro Regulamento de Participación Cidadá para que fagan as súas achegas

Xoves, 10 de maio de 2018

[10-05-2018] A aprobación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ames foi un dos compromisos adoptados pola Alcaldía no acordo de investidura aprobado en xuño de 2015. Actualmente, e despois de varios meses de traballo, o Regulamento vén de ser entregado aos grupos da municipais da oposición, para que estes poidan facer as súas propias achegas ata o 24 de maio. O novo Regulamento, que será levado a pleno no mes de xuño, busca aumentar a participación democrática e cívica da cidadanía na toma de decisións e na xestión do Concello, tornándoo, desta maneira, aberto e transparente para as veciñas e veciños de Ames.

Ao seren os Concellos o nivel de xestión pública máis próximo á cidadanía, o goberno municipal de Ames entende que son o espazo ideal no que impulsar medidas de participación da veciñanza, tanto a título individual como a través de asociacións ou entidades. Seguindo esta filosofía, o goberno municipal vén de deseñar o Regulamento de Participación Cidadá, que acaba de ser enviado aos grupos da oposición, para que fagan as súas propias achegas. Este novo Regulamento tentará dotar de ferramentas á cidadanía para que, conxuntamente coa Administración local, logre acadar as solucións efectivas aos seus problemas e inquedanzas, achegando ao mesmo tempo os debates presentes na sociedade ás institucións.

O Regulamento de Participación Cidadá virá a complementar o Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Ames, aprobado en xaneiro de 2016, así como outros documentos reguladores que tamén procuran garantir a participación cidadá, tais como o de funcionamento do Consello de Educación, o de Comunicación, o de Deportes ou o da Comisión de Seguimento do proceso de Orzamentos Participativos.

A aposta do goberno é a transformación municipal no referente á participación da cidadanía, e de aí que o traballo que se leva realizando ao longo destes tres anos permitise poñer en marcha numerosos mecanismos de participación que eran inexistentes no Concello. O futuro Regulamento é o broche final a todo este proceso de cambio e ordénase en tres capítulos que atenden, respectivamente, aos aspectos normativos, aos instrumentos materiais e de recursos humanos e aos órganos de participación. A aprobación do mesmo está prevista para o pleno ordinario do mes de xuño despois das achegas do resto dos grupos.

Dereitos de participación da cidadanía
O primeiro capítulo do Regulamento de Participación Cidadá aborda os dereitos de participación da cidadanía. Dependente da Concellaría de Participación e Atención Veciñal, o novo Regulamento recolle o dereito de petición, o dereito á participación, á iniciativa cidadá, á intervención nas sesións públicas municipais e á iniciativa popular. Desta maneira, o documento establece a obriga da Administración local de facilitar á veciñanza o exercicio destes dereitos, mediante a creación de canles de información xeral para atender ás peticións que poidan ser feitas, coas únicas limitacións prescritas pola lei.

Desta forma, este primeiro capítulo non só recolle os dereitos da cidadanía, senón que tamén expón os diferentes procedementos que as veciñas e veciños de Ames deberán seguir á hora, por exemplo, de presentar unha iniciativa popular ou promover unha actividade. Así mesmo, neste capítulo tamén se fai referencia ás limitacións que poidan existir en relación a algún dos dereitos recollidos.

A organización municipal
Este capítulo atende aos medios que irán canalizar e facilitar as demandas da sociedade: o Rexistro Municipal de Entidades e a Concellaría de Participación e Atención Veciñal. O primeiro deles, no que aparecen as asociacións que teñen o seu ámbito de actuación en Ames, resultará un óptimo instrumento de cara a coñecer e analizar a realidade do tecido asociativo amesán. De carácter público, o Rexistro será o instrumento de recoñecemento dos colectivos e asociacións, que permitirá facer efectiva a súa participación nos asuntos públicos promovidos polo Concello.

A Concellaría de Participación Cidadá será a encargada de impulsar as actividades relacionadas coa participación das veciñas e dos veciños na xestión dos asuntos públicos relativos a diferentes ámbitos; tornándose, desta maneira, na ponte de enlace entre a cidadanía e a Administración local. Malia isto, poderán iniciarse procesos participativos desde as diferentes áreas do Concello, de xeito que estas experiencias sexan transversais aos distintos departamentos.

Órganos de Participación
O terceiro e último dos capítulos do Regulamento de Participación Cidadá recolle os novos órganos de participación que se crearán nun futuro: o Consello da Veciñanza, as Asembleas Territoriais e os Consellos Sectoriais. O Consello da Veciñanza será o máximo órgano de participación, atopándose entre as súas funcións a de información, estudo, debate e asesoramento na ordenación das grandes liñas da política municipal, que incidan na planificación estratéxica, económica, social, cultural e sostible do concello. O Consello, que estará conformado por unha persoa de cada parroquia e de cada núcleo urbano, reunirase como mínimo dúas veces ao ano.

No tocante ás Asembleas Territoriais, haberá unha por cada parroquia e vila do Concello, polo que se constituirán no total 13 asembleas. Entre os seus cometidos estarán a elección da persoa representante e suplente no Consello da Veciñanza, así como o debate sobre a xestión municipal e sobre os proxectos levados a cabo polo Concello, podendo facer suxestións ou propostas de mellora para, posteriormente, trasladalas á Administración local.

Os Consellos Sectoriais serán os órganos de participación que canalizarán as iniciativas e inquedanzas cidadás nas áreas municipais de maior interese para o Concello, como por exemplo son as de igualdade, educación, cultura, deporte, medio ambiente ou benestar social, entre outras. Os Consellos, que estarán presididos polo alcalde ou a concelleira ou concelleiro correspondente, estarán formados por representantes das asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Entidades. Anualmente, o Consello deberá debater e aprobar un informe das actuacións realizadas, propoñendo iniciativas para melloralas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El tripartito de Ames negocia con la oposición el reglamento de participación ciudadana"