Pestanas principais

O goberno municipal e a comunidade educativa afondan na mellora da seguridade viaria da contorna do CEIP A Maía

Sábado, 06 de maio de 2017

[06-05-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e un dos oficiais da Policía Local de Ames, mantiveron unha xuntanza coa directora do CEIP A Maía e con representantes da ANPA deste colexio na que se valorou de xeito positivo as actuacións relacionadas coa mellora da seguridade viaria na contorna deste centro educativo. Tamén se abordaron os traballos que se pretenden realizar neste eido de cara ao inicio do curso 2017-2018.

O goberno municipal mantivo unha xuntanza esta semana coa directora do CEIP A Maía, situado na localidade de Bertamiráns, e con representantes da ANPA deste colexio para afondar na mellora da seguridade viaria deste centro educativo de cara ao inicio do curso 2017-2018. Nesta reunión valoráronse de xeito moi positivo as actuacións realizadas en setembro de 2016, antes do inicio do actual curso escolar, para a reorganización da dársena de autobuses de transporte escolar que estacionan na contorna deste centro.

Asemade, falouse das actuacións que haberá que acometer de cara ao inicio do vindeiro curso escolar. Deste xeito, acordouse enviarlle á Xunta de Galicia un escrito asinado pola comunidade educativa (dirección do centro, ANPA e Concello de Ames) para solicitarlle a mellora da seguridade viaria na estrada AC-544, que é de titularidade autonómica, e discorre por diante do devandito colexio. Para iso os axentes da Policía Local van a elaborar un informe sobre as necesidades de mellora dos pasos de peóns e da rede de semáforos que existen na contorna do colexio.

Por outra banda, o goberno municipal vai seguir traballando para intentar ampliar a beirarrúa que discorre entre o punto de acceso ao pavillón polideportivo de Bertamiráns e o portal de entrada do CEIP da Maía. A intención do Concello é ampliar esta beirarrúa dándolle un metro máis de ancho e facer unha senda escolar co obxectivo de mellorar a seguridade de todos os pais/nais e alumnos/as que transitan diariamente por este lugar. Por último, tense previsto pintar as prazas de estacionamento do aparcadoiro do pavillón municipal de Bertamiráns.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames estudia nuevas medidas de seguridad vial en el colegio A Maía de Bertamiráns"