Pestanas principais

O goberno municipal e as ANPAS reclámanlle á Xunta de Galicia a construción de novos equipamentos escolares

Sábado, 07 de maio de 2016

[07-05-2016] Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantiveron unha reunión coas asociacións de nais e pais dos centros públicos de ensino amesáns. Nesta xuntanza informouse das xestións que o Concello está a realizar para dispor das parcelas necesarias para novos equipamentos escolares. Ademais, a USC está a elaborar a cartografía que permitirá analizar a evolución e a distribución demográfica do concello de Ames.

Durante a xuntanza ambos informaron aos representantes das distintas ANPAS das xestións que está a levar a cabo o goberno para dispoñer de varias parcelas de terreo que sería destinadas á construción de novos equipamentos escolares. O obxectivo é o de realizar os trámites urbanísticos necesarios para poñelas á disposición da Xunta de Galicia. Os terreos teñen unhas dimensións, segundo os cálculos da Administración local, superior aos 10.000 metros cadrados, e están situados nas contornas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. "O Concello de Ames está a poñer todo o necesario da súa parte e agardamos a mesma resposta da Xunta de Galicia", afirmou David Santomil.

A construción de novos equipamentos escolares, véxase como exemplo a de centros escolares, e o establecemento das áreas de influencia destes centros é competencia da Xunta de Galicia. Non obstante no Concello de Ames estase a desenvolver un proxecto pioneiro en colaboración co Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), da USC. Este organismo está a traballar na elaboración dun informe que analiza o comportamento demográfico amesán, incidindo na distribución da súa poboación máis nova. Este informe permitirá analizar as debilidades e fortalezas dos servizos educativos municipais, tales como os comedores escolares e os programas de conciliación, así como determinar as necesidades deste sector. O informe definitivo será entregado este mes de maio e poderase consultar na páxina web municipal.   

O goberno sabe da importancia deste estudio e por iso estase a traballar paralelamente co departamento de Urbanismo para estudar que parcelas poden ser usadas para a cesión á Xunta de Galicia. O alcalde afirma que "temos moi avanzadas as negociacións para a adquisición de novos terreos e esperamos poder pechalo o antes posible para que a Xunta poida dispoñer deles e afiance o seu compromiso".

Para o concelleiro de Educación e Cultura a análise da poboación de Ames "un dos concellos con maior crecemento demográfico de Galicia, permitirá realizar unha diagnose seria das necesidades de equipamentos e da súa zonificación".

Por outra banda o goberno municipal vén de iniciar un proceso de participación para modificar as bases da convocatoria de subvencións para as ANPAS. As Asociacións de Nais e Pais fixéronlle chegar ao goberno as súas achegas durante a xuntanza mantida esta semana. Desta forma modificaranse as bases de cara a vindeira convocatoria, a de 2016, axustándoas para encaixalas coas actividades que desenvolven as ANPAS e as súas necesidades.

Primeira reunión do Consello Escolar Municipal
O regulamento do Consello Escolar Municipal está actualmente en fase de exposición pública e pódese consultar no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña con data do 18 de abril de 2016. Unha vez rematado o período de exposición, e nomeados os representantes que participarán deste organismo, convocarase a súa primeira reunión. O Consello Escolar servirá para canalizar todas as cuestións e problemáticas que afecten ao conxunto do ámbito educativo amesán. A súa actividade complementarase coas xuntanzas que o goberno municipal xa mantén de forma regular coa comunidade educativa.

Ampliación do CEIP de Barouta e melloras na EEI do Milladoiro
O goberno amesán trasladoulle esta semana á xefatura territorial da Consellería de Educación un escrito, no que lembraba o compromiso adquirido pola Xunta de Galicia da ampliación do comedor escolar do CEIP de Barouta. Isto permitirá ao centro recuperar o seu espazo de usos múltiples, que actualmente é empregado como comedor. A maiores foron remitidos á Xunta de Galicia diferentes informes técnicos que mostran as melloras que precisa a Escola Infantil do Milladoiro, que deberán concretarse nun convenio entre o Concello e a Administración autonómica. Neste mesmo centro escolar os operarios do Concello de Ames instalaron un parque infantil de xogos, que estaba pendente de instalación dende a apertura da escola.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Recuerdan el compromiso para ampliar el comedor de Barouta"
La Voz de Galicia: "Ames habilita varias parcelas para construir nuevos colegios"
El Correo Gallego: "Ames reservará más de 10.000 m2 para colegios en las urbes"