[08-03-2018] Tras o acordo previo acadado en novembro do 2017 polo goberno municipal e a formación Ames Novo enmarcado dentro da negociación dos orzamentos do 2018, polo que se acordou eliminar o Plan de Axuste do 2012 e amortizar a totalidade da débeda bancaria do Concello de Ames, na tarde Deste pasado martes, 6 de marzo de 2018, xuntáronse os voceiros das tres forzas políticas que integran o goberno de Ames (PSdeG, Contigo Pódese e BNG) que actúan en nome e representación do Goberno de Ames, con dous membros (voceiro e concelleira) do grupo municipal de Ames Novo, para continuar co proceso de negociación dos orzamentos municipais do 2018.
O goberno municipal e mailo grupo municipal Ames Noivo mantiveron unha reunión de traballo este pasado martes 6 de marzo. En dita xuntanza ambas partes acordaron continuar co proceso de negociación seguindo o mesmo modelo do ano pasado, despois do pre-acordo acadado en novembro do 2017 polo que se conseguiu eliminar o Plan de Axuste do 2012 e a amortización total da débeda bancaria do Concello de Ames.
Na xuntanza desta semana as partes manifestaron que o seu obxectivo é procurar acadar un acordo básico continuando na liña das políticas polas que se apostou na negociación do ano anterior e constituíndo unha Comisión de traballo que xa ten programada a próxima xuntanza para o próximo luns día 12 de marzo, no que se se intercambiarán propostas para a súa avaliación e onde se definirán as liñas orzamentarias. Acordouse manter un calendario de xuntanzas e establecer unha data límite para pechar a negociación que será o xoves 22 de marzo.
As dúas partes acordaron que ao longo do proceso, en aras da transparencia, se levantará acta de cada xuntanza na que queden reflectidas as proposta de cada parte, así como os acordos acadados e os puntos de desacordo, no seu caso, dando cumprida información á opinión pública da evolución da negociación.
Tamén por parte do goberno trasladóuselles o martes, 6 de marzo, aos demais grupos municipais da oposición Partido Popular, Pacto x Ames e ao concelleiro non adscrito, Javier López, os datos do borrador do anteproxecto de Orzamentos 2018 establecendo un prazo de 10 días, ata o día 16 de marzo, para que fagan as súas achegas ou propostas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "O goberno municipal e Ames Novo achegan posturas para pechar os Orzamentos do 2018"
Compostela 24 horas: "El gobierno municipal y Ames Novo continúan con la negociación de los Presupuestos del 2018"
Ames Go: "O vindeiro venres 16 remata o prazo para achegas dos partidos aos Orzamentos de 2018"




