Pestanas principais

O goberno municipal e Ames Novo asinan un acordo para a aprobación do Orzamento municipal de 2018

Martes, 27 de marzo de 2018

[27-03-2018] Esta mañá o alcalde e Ames, José Miñones, e mailo voceiro do grupo municipal Ames Novo, Enrique Costas, asinaron un acordo político que permitirá a aprobación do Orzamento municipal de 2018. Ademais, do acordo global, que queda reflectido no proxecto de orzamentos, que será sometido á aprobación do Pleno, o goberno municipal e Ames Novo adquiriron unha serie de compromisos que se recollen en dito acordo. Dito orzamento reforzará as partidas destinadas a servizos sociais, á mocidade, á adquisición dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro, e á ampliación do programa de prevención de incendios, entre outras medidas.

Este acordo asinouse con finalidade de darlle continuidade as liñas mestras inspiradoras dos orzamentos de 2017, no cal se incrementou o peso dos servizos sociais e se fixo unha importante apertura de novas coberturas, a través da Renda social municipal e das Axudas para a saída de situacións de emerxencia. Tamén se apostou polo reequilibrio territorial, realizáronse investimentos para corrixir o déficit dotacional do Milladoiro, así como para a mellora da accesibilidade, fomentouse o incremento da participación veciñal, e incorporáronse novas partidas que abordasen novas necesidades.

Os contactos de negociación iniciáronse o 14 de novembro de 2017 alcanzando un primeiro acordo para eliminar o Plan de Axuste do 2012 e amortizar a totalidade da débeda bancaria do Concello de Ames. As reunións retomáronse o 6 de marzo, previo envío por parte do goberno do borrador de orzamentos a Ames Novo, e coa presentación por parte de dito grupo municipal das súas propostas para incluír dentro dos orzamentos, así como para a modificación de varias partidas. Despois de varias xuntanzas, acadouse un principio de acordo global o pasado venres, 23 de marzo.

Conforme ao que xa se establecera no acordo do pasado ano, no que se recoñecía unha débeda pendente en materia de mocidade, incluíronse partidas específicas neste eido con dúas novos partidas en mocidade en materia de investimentos dentro do novo proceso de orzamentos participativos para a mocidade.

Unha vez valorado o proxecto definitivo de orzamentos resultante da negociación, o grupo municipal de Ames Novo comprometeuse a apoiar a aprobación dos mesmo, segundo indican nun exercicio de responsabilidade para posibilitar avances nas políticas e a satisfacción de necesidades do Concello, que non serían posibles na prórroga do orzamento de 2017, particularmente o Programa Impulsa Ames, que é financiado en gran parte con fondos europeos, e maila adquisición dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro, que será executado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Ademais, do acordo global, que queda reflectido no proxecto de orzamentos, que será sometido á aprobación do Pleno, o goberno municipal e Ames Novo adquiren unha serie de compromisos como ampliar o programa de prevención de incendios, mediante a plantación de faixas secundarias de árbores non pirófilas. Esta ampliación, recollida nos orzamentos para os sufragar os custes dun mes adicional do programa, verase afectada pola eventual concesión da subvención APROL Rural. De non materializarse esa subvención, as partes buscarían unha fórmula que permita ampliar en como mínimo dous meses os catros meses actuais de implementación do programa. Ambas partes se comprometen a seguir ampliando o programa no futuro.

Dotación do crédito necesario para a Renda social
Por outra banda, no caso de esgotarse o crédito destinado á Renda social e as Axudas para a saída de situacións de emerxencia, procederase á ampliación do crédito mediante a transferencia que sexa necesaria doutras partidas. Tamén se acorda desenvolver unha campaña de divulgación das modalidades de axuda social contempladas na ordenanza da Renda social, que faciliten a demanda de acceso á mesma das persoas que se encontran nas situacións que na mesma se prevén. Esta campaña deberá ser consensuada entre ambas partes.

Ademais, desenvolverase mediante a contratación do/a técnico/a xa incluído/a nos orzamentos de 2017, e poñendo os medios adicionais que puidesen necesitarse, os estudos necesarios para o proceso de remunicipalización do Ciclo integral da Auga. Outros dos compromisos adquiridos son continuar coa implementación duns orzamentos participativos; así como negociar e pactar conxuntamente o destino das cantidades que resulten como ampliación de crédito do acordo entre a FEMP e o ministro Montoro para investimento do superávit de 2017. Esta ampliación será considerada e tratada como parte inseparable de dito orzamento.

Por último, dito acordo recolle o compromiso de crear unha comisión mixta para os seguimento do cumprimento e execución tanto do orzamento como dos contido de dito acordo político.

Contido relacionado


Lindeiros: "Acordo político para a aprobación dos orzamentos de Ames"
La Voz de Galicia: "El presupuesto de Ames incluirá estudios para una piscina cubierta en Milladoiro y para municipalizar el agua"
La Voz de Galicia: "Acuerdo del tripartito con Ames Novo para aprobar el presupuesto municipal"
Compostela 24 horas: "El gobierno municipal y Ames Novo firman un acuerdo para la aprobación del presupuesto municipal de 2018"
El Correo Gallego: "O goberno e Ames Novo asinan un acordo para aprobar os orzamentos"