Pestanas principais

O goberno municipal e Ames Novo acadan un acordo para a aprobación do orzamento municipal de 2019 para Ames

Venres, 15 de febreiro de 2019

[15-02-2019] Nunha reunión mantida esta mañá entre os voceiros dos tres grupos que conforman o goberno local: Blas García (PSOE), Genma Otero (Contigo Pódese) e David Santomil (BNG); e máis Quique Costas e Carmen Calviño, en representación de Ames Novo, ambas partes acadaron un punto de acordo global para a aprobación do orzamento amesá para o exercicio 2019. O encontro de hoxe encádrase dentro da secuencia de contactos e intercambios de documentación que ambas partes viñan mantendo en busca dun consenso que permita a aprobación das contas municipais, como xa ocorrera en 2017 e 2018. A vindeira semana perfilaranse os últimos detalles.

O proxecto orzamentario supón un incremento de máis de 1 millón de euros respecto do exercicio anterior, o que eleva o total ata algo máis de 25,8 millóns, mantendo a aposta polos grandes eixes que marcaron os dous orzamentos anteriores: educación, servizos sociais e investimentos en infraestruturas básicas.

Ambas partes puxeron de manifesto a necesidade de dispor duns orzamentos novos que permitan incorporar esa cifra de máis de un millón de novos ingresos e, ao tempo, acometer investimentos necesarios para satisfacer demandas da cidadanía, como os que se van levar a cabo en materia de infraestrutura e dotación de comedores escolares para posibilitar a incorporación de novos usuarios antes do fin do presente curso e un incremento significativo de prazas para o próximo. Trátase tamén de blindar as actuais dotacións para programas sociais, que se verán incrementados en algúns dos casos, e adecuar o capítulo de investimentos ao aproveitamento dos fondos europeos DUSI concedidos ao Concello de Ames, actuacións que non se poderían en gran medida desenvolver cos orzamentos prorrogados.

Goberno e Ames Novo coincidiron na consideración de que a aprobación duns orzamentos sempre supón unha ferramenta que posibilita o avance do concello, a mellora de servizos e a posibilidade de unha mellor atención ás demandas da cidadanía, independentemente de a quen lle corresponda executalos despois da celebración das eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Con este acordo, pendente de que na vindeira semana se rematen os últimos detalles e encaixes, garántese que o o Concello de Ames dispoña de uns orzamentos actualizados por terceira vez consecutiva neste mandato, despois de ter que funcionar con orzamentos prorrogados desde o ano 2012 ata o 2017.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Goberno de Ames e AN chegan a un acordo para aprobar o orzamento do 2019"
Lindeiros: "Acordo para aprobar o orzamento de Ames"
La Voz de Galicia: "El tripartito de Ames y AN llegan a un acuerdo para aprobar un presupuesto de 25,8 millones"
El Correo Gallego: "Ames Novo acorda o orzamento para 2019 co goberno municipal"