- Tematica
O Goberno municipal do Concello de Ames iniciou onte en Agrón unha rolda de visitas polas parroquias do municipio. O obxectivo destes “Encontros co Alcalde” é recorrer toda a xeografía municipal explicando o traballo que se está realizando dende o Concello, aclarando as dúbidas que poida ter a veciñanza sobre algún tema en concreto e, por último, tomar nota das reclamacións.
O alcalde, Blas García, destaca que “dende este Goberno intentamos visitar polo menos unha vez ao ano todas as parroquias. É o noso deber escoitar á veciñanza, explicar o que estamos a facer e escoitar o que nos teñan que dicir. A única forma de entender se imos na dirección correcta é falar coas nosas veciños e veciños cara a cara”. O rexedor rematou explicando que “moitas veces hai problemas que non podemos solucionar por descoñecemento e outras hai servizos que a veciñanza non desfruta polo mesmo motivo. Con estas reunións intentaremos poñerlle solución a este feito”.
En Agrón, a parroquia elixida para comezar estes encontros, houbo unha asistencia de case 50 veciños e veciñas que puideron falar cara a cara coas concelleiras e concelleiros do Goberno municipal, que tiveron a oportunidade de recoller as reclamacións veciñais e explicar a súa xestión.
A próxima reunión terá lugar no local social de Trasmonte este xoves, 3 de outubro, ás 20.00 horas, e as seguintes iranse anunciando paulatinamente en redes e mediante correo ordinario con tarxetas informativas.
Servizos municipais
Ademais, nestas xuntanzas faise un recordatorio sobre todos os servizos municipais que os veciños/as teñen á súa disposición como poden ser o transporte adaptado, o punto limpo móbil, os servizos complementarios de educación, as escolas deportivas municipais, o programa Amessán, o programa Apego, o plan de prevención de incendios forestais, o roupeiro municipal, o WhatsAmes, entre outros.
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro. Abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que, posteriormente, sexan recollidos.
Ademais, o ano pasado comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia, co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.
Por outra banda, o Concello de Ames conta cun servizo de transporte adaptado que facilita as tarefas da vida cotiá a aquelas persoas con problemas de mobilidade, e que lles permite mellorar as súas condicións de vida. Para poder dispoñer de dito servizo, hai que reservar praza chamando ao número de teléfono gratuíto 900 204 000 ou ao teléfono da Oficina de Voluntariado 662 377 044. Este servizo funciona de luns a venres en horario interrompido de 8:00 horas da mañá ata as 19:00 horas da tarde.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Blas García inició en Agrón sus reuniones con vecinos de todas las parroquias de Ames"
El Correo Gallego: "El gobierno de Ames recorre el concello con bloc de notas en un vis a vis con los vecinos"