Pestanas principais

O goberno municipal de Ames insiste no necesario cambio de ubicación da EDAR de O Souto para o lugar inicial situado en Silvouta

Sábado, 03 de febreiro de 2018

[03-02-2018] A recente nova do Consello de Ministros para a ocupación dos terreos e bens afectados sen contar aínda co Convenio asinado con Santiago é para Ames unha clara mostra da distinta forma de facer política e coa que non se comulga dende o actual goberno. As tácticas de anos atrás de presión tratando de meter medo ao Concello de Santiago para que asine dito Convenio son máis propias do pasado e unha mostra máis da desesperación e o grado de confusión que existe no goberno central e que secunda o voceiro do PP en Santiago e antigo Conselleiro de Medio Ambiente, cando se levou a cabo o cambio de ubicación de Silvouta a O Souto.

Ademais, o feito de poñer en dúbida a presentación do recurso por parte dos veciños e a Plataforma en defensa do Rio Sar, deixa en moi baixa estima ao órgano central a sabendas que o recurso foi admitido a trámite polo Tribunal Superior de xustiza de Galicia estando o expediente en fase de remisión de expediente administrativo.

O Concello de Ames volve a insistir sobre o acordo unánime de todas as forzas políticas de Ames, incluída o propio PP amesán, sobre o rexeitamento a actual ubicación da EDAR no Souto polo seu impacto ambiental e de patrimonio. Ames segue a apostar pola ubicación en Silvouta, a orixinal e mellor valorada polos técnicos da propia Consellería de Medio Ambiente, e segue firme na súa intención de presentar o recurso pertinente no momento en que sexa presentado o proxecto definitivo.

Dende o Concello inciden na falta total de información e o bloqueo informativo que dende Acuaes e o Ministerio están facendo con Ames, tanto no pasado cando nin se lle notificou o anteproxecto, nin na actualidade cando non se lle dá conta dos estudos que se anunciaran hai case un ano que se ían a realizar e notificar ao Concello de cara á mellora do proxecto de construción. Ames segue esperando poder ser convocado a unha reunión onde dar conta do seu posicionamento e no que poder recadar información ao respecto do anunciado en meses pasados, unha comisión de seguimento nula e baleira de reunións, e polo tanto de contidos, que amosan a nula transparencia do proceso.

O Concello reunirase unha vez máis coa veciñanza para poñer en marcha accións concretas de protesta nas vindeiras semanas para tratar de facer ver o impacto ambiental que se quere levar a cabo coa posta en marcha do desmonte nunha zona de elevada riqueza ambiental, paisaxística e patrimonial por intereses particulares ou partidistas. Dende o executivo amesán laméntase a fuxida cara adiante do goberno de Rajoy e amosa o seu total apoio á Plataforma pola defensa do río Sar e aos veciños e veciñas de Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Goberno e veciños de Ames protestarán contra a EDAR"
La Voz de Galicia: "Ames cree que ocupar el terreno de O Souto es «unha manobra de presión»"