Pestanas principais

O goberno municipal de Ames centrouse nos ámbitos educativo, sanitario e comercial durante o primeiro mes de mandato

Martes, 14 de xullo de 2015

[14-07-2015] Este mércores, 15 de xullo, cúmprese un mes dende que comezou a traballar de forma operativa o novo goberno municipal de Ames. Durante este tempo o executivo amesán centrouse principalmente nos ámbitos educativo, sanitario e comercial. Deste xeito, mantivéronse varias xuntanzas coas ANPAS, cos directores e directoras dos colexios, cosas asociacións de comerciantes e profesionais, e coa conselleira de Sanidade. Neste primeiro mes de mandato xa se cumpriron varios puntos do documento asinado por parte das forzas políticas de esquerdas, que estaban vinculados ao acordo do pleno de investidura.

Unha das primeiras actuacións que realizou o goberno municipal foi ter unha toma de contacto cos traballadores municipais co obxectivo de coñecer de primeira man a situación de cada área municipal. Deste xeito, realizaron unha visita por todos os departamentos do Concello e tamén cada concelleiro/a mantivo unha xuntanza cos seus traballadores para presentarse e coñecer a estrutura de cada área.

Ademais, no primeiro día de mandato o rexedor municipal solicitoulle por carta unha xuntanza ao presidente da Xunta e aos conselleiros de Educación e Sanidade. Unha destas xuntanzas acaba de celebrarse este luns, 13 de xullo, na cal se trataron temas de vital importancia para a veciñanza amesá como son a construción dun novo centro de saúde no Milladoiro e a reorganización funcional de espazos no centro de saúde de Bertamiráns.

No ámbito sanitario tamén se mantivo unha reunión para axilizar as obras de reforma do centro de saúde do Milladoiro para reparar a cuberta co obxectivo de eliminar as filtracións de auga e a humidade que se producen cando chove e acondicionar o interior do edificio eliminando gretas e pintando as paredes. Estas obras xa se están executando e rematarán nas vindeiras semanas.

Por outra banda, co presidente da Xunta preténdense solucionar a problemática de que os orzamento autonómicos de 2015 non contemplan ningunha partida orzamentaria destinada para este Concello, mentres que ao concelleiro de Educación vánselle trasladar tres temas de gran importancia como son as deficiencias dotacionais que ten o IES Milladoiro; os problemas de seguridade viaria que existen no IES Plurilingüe de Ames e no CEIP da Maía, situados en Bertamiráns; e as deficiencias existentes en varios centros educativos de Ames.

Xuntanzas coas ANPAS e cos directores/as dos colexios
Seguindo co eido educativo o goberno municipal mantivo varias xuntanzas coas ANPAS e cos directores/as dos colexios amesáns. Asemade, mantívose unha xuntanza co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, co obxectivo de determinar as obras que son necesarias realizar no CEIP de Barouta de cara ao vindeiro curso escolar. Tamén se asinaron os contratos do servizo de monitoraxe para o Xuño Lúdico e do servizo de cáterin da Escola de Verán.

No ámbito social e comercial o goberno municipal tivo varias reunións. Unha delas foi coas catro asociacións de comerciantes e profesionais de Ames. Neste encontro acordouse que ambas partes se reunirán cada dous meses. Deste xeito, quedou fixada unha nova reunión para o día 1 de setembro. Ademais destas xuntanzas, o goberno municipal tamén lles trasladou a intención de manter encontros individuais con todas as asociacións para tratar temas concretos de cada unha delas.

Outro encontro mantívose co presidente da Confederación Galega de Persoas Discapacitadas (COGAMI), Anxo Queiruga. Esta xuntanza serviu para ter unha primeira toma de contacto e para presentar o novo goberno municipal ante esta entidade. Tamén se falou do traballo que desenvolve esta confederación en Ames e doutros temas como a accesibilidade.

Seguindo co eido social, o goberno tamén se reuniu co presidente da comisión de festas da Virxe da Peregrina. Esta xuntanza serviu para presentarlle ao goberno municipal a directiva da comisión de festas da Peregrina e informarlle ao alcalde do programa de actividades que se van desenvolver o sábado 8 e o domingo 9 de agosto.

Outras actuacións
Por outra banda, o goberno municipal está traballando na prevención e defensa contra os incendios forestais coa contratación dun tractor que realizará traballos de desbroce e limpeza; a apertura dun proceso selectivo para a contratación dunha brigada de seis persoas; e a elaboración dun plan municipal que recolle o modelo de actuación no caso de detectarse algún incendio forestal. No ámbito medio ambiental o Concello tamén se declarou como un espazo libre de herbicidas químicos e non se empregarán produtos fitosanitarios herbicidas.

Asemade, o goberno mantivo unha xuntanza con representantes da empresa que está realizando un estudo sobre a eficiencia enerxética e da rede eléctrica para fomentar un aforro sostible. Ademais, estase realizando un estudo sobre a seguridade da devandita rede e unha auditoría de facturas. A través deste estudo o goberno municipal pretende mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións de alumeado público e mellorar a calidade da iluminación existente.

Por último, cómpre salientar que se publicou o inventario de bens e dereitos do Concello de Ames. Neste documento recóllense os bens e dereitos das once parroquias amesás: Agrón, Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Deste xeito, contén información sobre os inmobles urbanos e rústicos; bens histórico-artísticos; vehículos; viarios; dereitos reais; mobles; semovintes; créditos persoais e valores mobiliarios.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El tripartito de Ames hace balance de su primer mes de gobierno municipal"
El Correo Gallego: "O goberno de Ames cumpre un mes de traballo centrado en educación e sanidade"