[08-03-2014] O goberno municipal de Ames, encabezado polo seu alcalde Santiago Amor, quere deixar claro que apoia e apoiou en todo momento as reivindicacións das familias afectadas que teñen fillos e fillas cursando estudios no CEP de Ventín. O executivo amiense está estudando diferentes fórmulas para sufragar a contía económica de 20.000 euros que custa o servizo de autobuses que non está cuberto pola normativa vixente. O rexedor municipal convocou aos concelleiros/as da oposición para ter unha xuntanza este luns 10 de marzo, ás 14:00 horas. Nesta reunión informaráselle da situación actual, así como da xuntanza que vai haber este mesmo luns pola tarde co secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén.
O goberno municipal concertou unha xuntanza co secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén, que se celebrará este luns, 10 de marzo, pola tarde. Previamente, o executivo amiense manterá unha reunión cos membros da oposición este mesmo luns, ás 14:00 horas, na que se lle achegará información sobre a situación actual e da xuntanza que se vai desenvolver co secretario xeral de Educación. O goberno municipal está intentando buscarlle unha solución a esta situación. Dentro desta liña de traballo, o xoves pasado, 6 de marzo, o goberno municipal xa mantivo unha xuntanza coa oposición, para tratar o tema da implantación da xornada continúa no CEP de Ventín de cara ao vindeiro curso.
Por outra banda, o rexedor municipal explicou que o executivo local xa lle comunicou á ANPA do Milladoiro cal era a cantidade de diñeiro que custa o servizo de autobuses que non está cuberto pola normativa vixente. Santiago Amor manifestou que “o Concello de Ames está buscando fórmulas para sufragar os 20.000 euros que custaría poñer a funcionar o servizo de autobuses que reclama a comunidade educativa do Milladoiro e que non está cuberto pola normativa vixente”.
Por último, o alcalde de Ames, Santiago Amor, quere mandarlle unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa do Milladoiro e incide en que “o goberno municipal de Ames estivo sempre apoiando as reivindicacións dos pais e nais que teñen fillos/as cursando estudos no CEP de Ventín e seguirá ao lado destes pais e nais nas próximas mobilizacións que fagan”. Santiago Amor engade que “a oposición está crispando con mentiras esta situación e o que deberían facer é traballar para buscar unha solución beneficiosa para todas as familias que forman a comunidade educativa do Milladoiro”.




