Pestanas principais

O goberno municipal cumpre 100 días con plena actividade na xestión

Sábado, 28 de setembro de 2019

O goberno municipal formado por PSdeG, BNG e Contigo Podemos vén de cumprir 100 días de traballo dende o pleno de investidura celebrado o pasado 15 de xuño. Durante este tempo destaca o volume de actividade na xestión, a normalidade institucional e a estabilidade política. Durante estes primeiros meses de mandato o goberno municipal centrouse en poñer a andar as novas concellarías cos novos responsables de área impulsando os ámbitos educativo, deportivo, social, medio rural, infraestruturas, novas tecnoloxías e económico.

Deste xeito, no ámbito educativo o goberno municipal mantivo unha xuntanza coa conselleira de Educación, Carmen Pomar e o Secretario Xeral Técnico da Consellería, Jesús Oitavén, na que se falou do compromiso común de poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para ampliar o CEIP Agro do Muíño e construír o novo CEIP no Milladoiro. Asemade, tamén se falou da necesidade de elaboración do Plan Especial para a dotación de equipamentos na parcela anexa ao IES de Ames, en Bertamiráns. No primeiro dos casos, adquiriuse o compromiso de asinar os convenios necesarios para a posta de disposición dos terreos unha vez pasen os meses de verán, no primeiro trimestre do curso escolar 2019/2020.

Tamén se adxudicou a obra de construción do novo comedor do CEIP A Maía. O proxecto, que foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. por un importe de 389.575,76 euros, está incluído dentro do Orzamento municipal de 2019 e será sufragado con fondos propios do Concello de Ames. Coa construción desta nova infraestrutura preténdese ampliar o número de prazas do servizo municipal de comedor escolar, xa que é unha demanda da comunidade educativa de Ames.

Neste tempo axilizouse a adquisición do terreo que está xunto ao IES de Ames que a día de hoxe está sendo xa utilizado pola comunidade educativa liberando os problemas de aparcamento e que coincidiu co final das obras de acondicionamento e seguridade do entorno e que remataron antes do inicio do curso facilitando o mesmo.

No ámbito deportivo o goberno municipal mantivo unha xuntanza co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, para establecer unha primeira toma de contacto e que o secretario xeral coñecera de primeira man a realidade de Ames no ámbito deportivo, coas súas potencialidades e necesidades. Unha das demandas trasladadas foi a posibilidade de ampliar o pavillón polideportivo de Bertamiráns, como se ven reclamando de forma insistente dende o Consello Municipal de Deportes.

Ademais, neste mesmo ámbito aprobouse o expediente de contratación das obras de rehabilitación da área deportiva de Bertamiráns e dos vestiarios do pavillón polideportivo desta mesma localidade. A través destas actuacións vaise a construír un nova pista de pádel, unha pista polideportiva exterior e dous vestiarios no interior do pavillón. Estas obras están incluídas no POS+ 2019. Os proxectos, que contan cun orzamento de 164.355,86 euros, están licitados en dous lotes diferentes, pero incluídos no mesmo expediente de licitación para axilizar a súa tramitación.

Tamén se conseguiu aprobar o convenio coa Deputación da Coruña, a través do cal se investirán 357.303 euros nas obras de renovación do campo de fútbol de Bertamiráns, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e dunha bancada máis cómoda para os espectadores. A Deputación achegará o 80% da contía total, 285.906 euros, mentres que o Concello de Ames porá o 20% restante, 71.397 euros. O campo habilitarase para a práctica de fútbol 8 e fútbol 11, segundo os criterios regulamentarios da RFEF, e dotarase de novas porterías, redes e outro equipamento para a práctica do fútbol. Acometerase tamén a renovación do metacrilato dos bancos, dado o seu mal estado.

Centro social de maiores
Outras das xuntanzas que mantivo o goberno esta mesma semana foi coa conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García. Nesta reunión abordaron asuntos de interese para Ames, como por exemplo seguir ampliando as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); ampliar o programa Xantar na Casa; reforzar o apoio aos servizos sociais municipais a través do Plan Concertado, o desenvolvemento dun programa de inclusión, e a posible posta en marcha dun Centro social para os maiores. Sobre este último asunto a conselleira comprometeuse a ver a posibilidade de executar estas novas instalacións sempre e cando haxa un compromiso por parte da Xunta, Concello e Deputación para sufragar este proxecto.

No ámbito social tamén cómpre destacar a inauguración da Casa dos Maiores do Milladoiro que tivo unha moi boa acolida. A Administración local vén de asumir directamente os custes de alugueiro, suministros, limpeza ou reparación do local. Neste sentido, o Concello de Ames procedeu xa ao pintado do mesmo e ao cambio dos estores e da rotulación. Asemade, vanse poñer en marcha unha serie de actividades de envellecemento saudable. A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro seguirá a manter as súas actividades propias, como as de ximnasia de mantemento, coro ou baile e o Concello ten xa organizada a I Festa dos Maiores que terá lugar no primeiro fin de semana de Outubro.

Medio Rural
Outra das xuntanzas nas que estivo o Alcalde foi co conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do novo Concelleiro de Medio ambiente, Manuel Lens. Nesta xuntanza abordouse a cuestión da prevención de lumes forestais no municipio amesán. En concreto, na reunión, na que tamén estivo presente o director de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, coordináronse as labores que está a desenvolver o concello, a través do plan municipal de prevención de incendios forestais, con aquelas previstas a través do convenio de protección das aldeas. O conselleiro e o alcalde acordaron a creación dunha aldea modelo no municipio, o que permitirá optimizar a xestión da biomasa preto das vivendas.

Por último, abordouse a mellora das instalacións de Augapesada e analizáronse as vías de colaboración para o seu mantemento, xa que son empregadas polas brigadas de incendios da Xunta de Galicia. O Plan de prevención de incendios, que tan bo resultado está a dar, tamén fixo balance de actuación ao longo dos tres anos de existencia, e o goberno presentou as liñas estratéxicas do correspondente á anualidade 2019-2020 cunha actuación récord en investimento.

Infraestruturas
Ademais, o alcalde e o concelleiro de Obras, Blas García, acadaron a transferencia da avenida da Maía cunha achega económica da Xunta de 140.000 euros para mellorar a mesma. Este acordo foi trasladado na xuntanza mantida co director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. En dita xuntanza acordaron a sinatura dun convenio, ao longo deste ano e ligado ao orzamento da Xunta de 2020, para transferir a avenida da Maía ao Concello de Ames. A Xunta financiará con algo máis de 140.000 euros a mellora da travesía AC-543, en Bertamiráns, unha vez que o Concello de Ames asuma a titularidade desta tramo estrada e cuias obras xestionará directamente o Concello.

No apartado de infraestruturas o goberno municipal presentou, no pasado mes de agosto, ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, alegacións ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. As alegacións presentadas céntranse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns – A Gándara; ruta da rúa da Rosa – Ameneiro – Casalonga – Firmistáns; ruta da rúa da Rosa – O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas - rúa da Rosa. Ademais, proponse para as fins de semana, a creación dunha liña nocturna con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa, comezando ás 23:30h con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas.

Posteriormente, neste mes de setembro, mantívose unha xuntanza cos representantes da empresa encargada de realizar o estudo e traballo técnico da nova licitación do transporte, na que lle trasladaron ao goberno municipal a viabilidade das alegacións presentadas xa que consideran que son coherentes e é posibles levalas a cabo. As achegas do goberno ao transporte metropolitano foron realizadas desde a nova Concellería de Mobilidade que tamén puxo en marcha diferentes actividades na Semana Europea de Mobilidade.

Proxecto de eficiencia enerxética
Por outra banda, o Concello de Ames presentou unha solicitude de subvención ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) para a execución e desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Deste xeito, preténdese substituír 4.540 puntos, o que representa o 64% do total de luminarias.

Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serían reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros. Para elo solicitouse unha axuda ao IDAE do 80% do orzamento total que ascende a 1.176.231,15 euros. O 20% restante, 294.057,80 euros, será sufragado con fondos propios municipais. A presentación de dito proxecto foi realizado nun tempo récord e coa presenza dos meses de verán, o cal non evitou chegar en prazo á solicitude que permitiría ter o Concello de Ames 100% eficiente.

Novas tecnoloxías
No ámbito das novas tecnoloxías, a comezos do pasado mes de agosto adxudicouse, por un importe de 168.696,56 euros, o contrato de servizos para o deseño e implantación da Administración Electrónica. Así iníciase un proceso longo que cambiará a forma de traballo interna do persoal do Concello e que permitirá un maior seguimento dos expedientes, ademais de habilitar novos procesos de comunicación e notificación aos usuarios. A plataforma de xestión terá un novo portal de acceso para o cidadán con múltiples procesos de xestión e unha carpeta cidadá onde cada veciño ou veciña poderá facer un seguimento dixital da súa solicitude, reclamación ou expediente.

Esta actuación enmárcase dentro do programa operativo de crecemento sostible 2014-2020, cofinanciado ao 80% con fondos europeos FEDER e que se enmarca dentro do Plan Impulsa Ames da EDUSI, e ao 20% polo Concello de Ames e complementa a posta en marcha do novo portal web do Concello de Ames.

Ámbito económico
No apartado económico cabe destacar a aprobación no pleno de agosto do suplemento de crédito 1/2019 para facer fronte a gastos do capítulo VI, de investimentos, por valor de 246.051,09 euros. Ditos gastos corresponden fundamentalmente a gastos de investimentos, en áreas que afectan a servizos básicos: seguridade e orde público, alumeado público, estradas e camiños, investimentos en infraestruturas deportivas e educativas. Esta modificación reponde á necesidade de dar cumprimento ao principio de anualidade, propiciando que o gasto efectuado ao longo do ano poda ser imputado contra créditos orzamentarios do propio exercicio.

Ademais, este xoves 26 de setembro aprobouse o suplemento de crédito 2/2019, financiado con remanente de tesourería, para sufragar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking. Tamén se aprobou en Xunta de Goberno Local o expediente de adquisición deste ben inmoble para adicalo ao Coworking. Asemade, aprobouse o gasto por importe de 480.550 euros, máis o IVE que ascende a 100.915,50 euros, o que fai un total de 581.465,50 euros. A licitación do espazo colaborativo que ten conveniado o goberno, iniciouse nestes 100 días e ao longo do vindeiro mes terá aberto o prazo de presentación de solicitudes.

Visitas institucionais
Cabe destacar a visita feita esta mesma semana polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o director xeral de Emerxencias e de Interior, Santiago Villanueva, e mailo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, para facer entrega dos carnés de voluntarios/as aos membros da Agrupación de Protección Civil de Ames.

Así como a xuntanza mantida entre o alcalde de Ames, José Miñones, e a nova Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na que a invitou a visitar o concello de Ames. Nesta reunión tamén se tratou o tema da accesibilidade no que o Concello está a realizar un importante investimento nestes últimos anos e trasladáraselle unha planificación dos proxectos que se pretenden executar nesta materia de cara aos vindeiros anos.

Premio Ciudad de la Ciencia e Innovación
Por último, o Concello de Ames recibiu neste mes a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la innovación” nun acto celebrado en Castellón e ao que acudiu o alcalde de Ames, José Miñones. Dita distinción permítelle ao Concello entrar a formar parte do selecto grupo de cidades que en Galicia completan Vigo, Coruña, Santiago e Ribeira. Ademais, Ames pasará a estar na Red Innpulso xunto aos Concellos mais destacables de España na súa aposta pola innovación.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “os 100 primeiros días de goberno veñen a demostrar o compromiso adquirido coa cidadanía, que tal e como se amosa na actividade realizada, non é outro que seguir traballando arreo para conseguir mellorar os servizos e as infraestruturas. Ademais destaca a estabilidade política na que se atopa asentado o Concello, despois de períodos convulsos, e onde os servizos e as actividades municipais medran día a día e teñen lugar de xeito normalizado”. Para o goberno municipal aínda quedan moitos proxectos por realizar e a planificación que se está a facer en cada área terá o seu reflexo nos orzamentos de 2020 cos que xa se están a traballar co obxectivo de aprobalos co inicio do ano por primeira vez na historia de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El tripartito hace balance de cien días y destaca la estabilidad política de Ames"

Compostela24h: "El tripartito hace balance de cien días de gobierno"

Imaxe dos goberno municipal de Ames