Pestanas principais

O goberno municipal convoca unha nova reunión da comisión plenaria de abastecemento e saneamento para mañá xoves

Mércores, 07 de maio de 2014

[07-05-2014] O salón de plenos da Casa do Concello acollerá este xoves, 8 de maio, unha nova reunión da comisión de abastecemento e saneamento. Nos últimos días o goberno municipal proporcionoulle aos membros da oposición toda a documentación presentada pola empresa consultora e déuselle conta do estudo económico, a dous anos, feito seguindo as indicacións dos informes emitidos polos técnicos municipais de Intervención e Secretaria. Agora, convócase esta nova xuntanza para que os concelleiros/as da oposición poidan achegar as propostas que consideren oportunas. Ademais, o goberno municipal entregoulle as actas das comisións anteriores aos membros da oposición para a súa aprobación nesta reunión.

A comisión plenaria de abastecemento e saneamento reunirase de novo este xoves 8 de maio, ás 14:00 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. Nesta xuntanza a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, dará conta de todos os pasos dados sobre o ciclo integral da auga desde a última reunión da comisión celebrada o pasado 28 de abril.

O goberno municipal incide en que seguiu en todo momento as indicacións marcadas no informe elaborado de xeito conxunto polos técnicos dos departamentos municipais de Secretaría e Intervención, no cal se explicaba que a única opción posible no ciclo integral da auga era unha concesión a curto prazo. Isto podíase facer a través dunha encomenda da xestión ou dun proceso de licitación co obxectivo de estudar a fondo o servizo, para o que había que realizar unha auditoría na que se estudaran as necesidades a largo prazo.

Segundo indica a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, “despois das reunións mantidas, e unha vez desbotada a vía da encomenda de xestión, asinouse o contrato coa empresa, que se considerou máis solvente técnica e economicamente, seguindo o camiño marcado polos informes dos técnicos municipais. Unha vez asinado o devandito contrato déuselle publicidade, para que os membros da oposición puidesen coñecer os trámites realizados, previamente acordados xa na comisión”.

Ademais, o goberno amiense explica “que na reunión celebrada o pasado 24 de febreiro, tal e como reflicte a acta desa comisión, os membros da oposición indican que se debería realizar unha encomenda de xestión ou unha licitación do servizo, a dous anos, cunha auditoría paralela. Polo tanto, os pasos dados coinciden coas opcións que se barallaron nas reunións pasadas polos membros da oposición, tal e como se recolle nas actas destas xuntanzas. En primeiro lugar solicitouse que os técnicos emitisen un informe e posteriormente propúxose que se realizase un proceso de licitación ou unha encomenda de xestión a curto prazo”.

Nos últimos días o goberno municipal proporcionoulle aos concelleiros/as dos partidos municipais da oposición toda a documentación entregada pola empresa consultora. Tamén se lle dou conta do estudo económico, a dous anos, elaborado seguindo as indicacións dos informes emitidos polos técnicos municipais de Intervención e Secretaria. Agora, convócase esta nova xuntanza para que os concelleiros/as da oposición poidan achegar as propostas que consideren oportunas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O goberno amiense convoca unha nova reunión da comisión plenaria de abastecemento e saneamento"