Pestanas principais

O goberno municipal convoca para este luns unha xuntanza no Pazo da Peregrina para falar do borrador da ordenanza de instalación de terrazas

Sábado, 18 de xuño de 2016

[18-06-2016] O Concello de Ames, a través do departamento de urbanismo, convocou para este luns, 20 de xuño, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina, unha xuntanza para falar do borrador da ordenanza de instalación de terrazas, taboados e outros elementos análogos. Esta xuntanza xa quedou convocada na reunión anterior mantida entre o goberno, os hostaleiros e hostaleiras de Ames e mailos propietarios de negocios que fan ocupación da vía pública.

O pasado 1 de xuño o goberno municipal mantivo unha xuntanza cos hostaleiros e hostaleiras de Ames, así como cos propietarios de negocios que fan ocupación da vía pública (froiterías, florerías, comercios, etc.) O motivo da xuntanza foi o de darlle a coñecer a ordenanza de instalación de terrazas, taboados e outros elementos análogos.

Previamente xa se tiña convocado por escrito a todos os interesados e interesadas e facilitada unha copia da ordenanza ás Asociacións de comerciantes de Ames e á Asociación de Hostalaría de Santiago e Comarca. Asemade, tamén se lle deu traslado de dita ordenanza aos grupos de oposición para que tivesen coñecemento deste asunto.

Na xuntanza na que participaron a concelleira de Promoción Económica, a concelleira de Economía e Facenda e mailo concelleiro de Urbanismo, ademais de técnicos municipais, deuse a coñecer o documento e explicouse que era un borrador que pretendían elaborar conxuntamente coa súa colaboración e escoitando as súas propostas, xa que “do contrario non tería sentido” apuntou o concelleiro de Urbanismo, Blas García.

Explicouse, tamén, que con esa ordenanza se pretende buscar unha solución ao problema da instalación das terrazas que teñen algún locais, por iso se crea a posibilidade da colocación de taboados, ademais de regular a colocación de cerramentos e similares. Tras un debate e explicación das dúbidas existentes, quedouse na celebración dunha nova xuntanza este luns, 20 de xuño, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina, para que os e as propietarias poidan presentar as súas propostas e suxestións e elaborar un documento que saia do consenso e a participación de todos os axentes implicados neste proceso de regularización.

O concelleiro de Urbanismo lembrou na xuntanza que as beirarrúas son para uso dos peóns, e sempre son eles os que teñen a prioridade, aínda que sempre que sexa posible se intentará complementar as mesmas coas terrazas e as ocupacións públicas.

Contido relacionado


El Correo Gallego:" Reunión para consensuar la ordenanza de las terrazas"