Pestanas principais

O goberno municipal contrata a unha empresa para que realice traballos de acondicionamento nos parques infantís municipais

Mércores, 24 de maio de 2017

[24-05-2017] O Concello de Ames vén de contratar a unha empresa para que realice o mantemento e acondicionamento dos parques infantís municipais de cara á época estival que é cando contan con maior número de usuarios/as. Asemade, o goberno municipal está traballando na elaboración duns pregos para sacar a concurso un contrato de mantementos dos parques infantís municipais e dos parques biosaudables existentes e daqueles que se están construíndo.

Na actualidade, existen un total de 36 parques infantís (20 de area e 16 de caucho) que están situados no Milladoiro, Bertamiráns e nas parroquias da zona rural. Para solucionar as diversas deficiencias detectadas nestas instalacións municipais e poñelas a punto de cara á época estival, o Concello de Ames acaba de contratar a unha empresa para realizar traballos de mantemento e acondicionamento desta áreas de xogo e lecer. Os traballos consistirán na adaptación dos elementos existentes en ditos parques á normativa europea, a reparación das deficiencias detectadas, e o mantemento do solo de area dos parques.

Por outra banda, en canto se aprobe de xeito definitivo o orzamento municipal deste exercicio 2017, o goberno municipal poderá contratar a reparación e mantemento de catro parques infantís do rural que están situados en Cruxeiras, Trasmonte, Covas e Guimaráns.

Por último, dende a Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, adiantan que se está elaborando un proxecto, conxuntamente coa Concellería de Mocidade, para construír un parque na zona de Lapido dirixido aos adolescentes. Nestes intres estase redactando o devandito proxecto e será presentando nos vindeiros días. Trátase dunha nova iniciativa que quere levar a cabo o goberno municipal durante este ano 2017 para a mocidade amesá.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Mantenimiento para parques y arreglo de inmuebles en Ames"