[26-08-2015] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, mantiveron onte unha xuntanza de seguimento coas empresas que realizan o servizo de limpeza dos centros e a revisión dos sistemas contraincendios. Xa están revisados e certificados a totalidade de extintores dos centros de ensino público.
Os centros escolares de Ames estarán en perfecto estado de limpeza tanto por dentro como por fora cando comece o curso. O compromiso acadouse nunha reunión mantida onte entre o concelleiro de Educación, David Santomil e o director da empresa Limpezas Salgado. Así mesmo, mantívose tamén unha xuntanza coa empresa de seguridade Exlo, encargada do mantemento dos sistemas de extinción de incendios. Nesta xuntanza a empresa informou que os extintores xa están revisados e teñen o correspondente certificado de seguridade.
Segundo o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, “estas reunións enmárcanse dentro do seguimento de actuacións contempladas no Plan Integral de Mantemento de Centros Escolares co que queremos garantir que todo estea disposto para que o inicio do curso se realice en condicións óptimas” e que inclúen as escolas infantís e primaria de Ames. No caso dos centros de ensino secundario estas actuacións non son competencia municipal.
O Plan Integral de Mantemento de Centros Escolares contempla como actuacións xerais a revisión e reparación dos sistemas eléctricos dos centros, poñendo especial fincapé nos farois, enchufes e puntos de luz deteriorados. Ademais xa están a realizarse actuacións específicas en todos os centros que inclúen pequenas reparacións e averías.
Por outra parte cómpre salientar a revisión e mantemento dos sistemas de calefacción e caldeiras de gasoil. Neste senso destaca o cambio da caldeira da Escola Infantil A Madalena, demandada desde hai moitos anos pola comunidade educativa deste centro.
O plan inclúe tamén o acondicionamento dos xardíns, parques infantís, zonas verdes e areeiros dos centros escolares que deberán estar acondicionados antes do comezo do curso escolar o próximo día 10 de setembro.
Finalmente, Santomil indicou que todas estas actuacións xerais e específicas forman parte das necesidades detectadas nas visitas presenciais aos centros e da información facilitada polas ANPAS e os equipos directivos dos centros.
Contido relacionado

"Os centros escolares de Ames estarán a punto en limpeza e seguridade"
"Os centros escolares de Ames estarán a punto en limpeza e seguridade"




