[01-08-2017] Esta mañá, o alcalde de Ames, José Miñones, e máis Javier Cebreiro Varela, asinaron un contrato menor de servizos para realizar traballos de vixilancia, mantemento e atención ao público do cemiterio municipal, que está situado no lugar dos Batáns. A duración do contrato será de 5 meses (do 1 de agosto ata o 31 de decembro de 2017). O orzamento máximo deste contrato é de 5.000 euros (IVE incluído). O obxectivo do goberno municipal é realizar os trámites oportunos durante estes cinco meses para que estes servizos sexan prestados por persoal municipal. Dende o día de hoxe o cemiterio permanecerá aberto e a partir do mes de setembro a veciñanza amesá poderá ir a velo antes de presentar as súas propostas para a concesión de uso dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios.
O goberno municipal avanza na posta en funcionamento do cemiterio municipal dos Batáns. Hai unhas semanas remataron os traballos de reparación e o acondicionamento desta infraestrutura. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa COPCISA, tivo un custo de 252.041,95 euros e foi sufragado con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016 da Deputación da Coruña.
O cemiterio dos Batáns foi recibido o 29 de xaneiro do 2010, pero por mor dunhas deficiencias observadas polos técnicos municipais e da posterior demanda do Concello, nunca chegou a abrirse ao público. Ao consecuente deterioro provocado pola falta de uso durante estes anos, súmanse os danos ocasionados polos diversos actos de vandalismo dos que foi obxecto a instalación en varias ocasións. Agora, grazas ás obras realizadas nos últimos meses a través dos fondos do PAI, esta instalación municipal está preparada para poder ser empregada pola veciñanza amesá.
Esta mañá deuse un paso máis para a posta en funcionamento desta instalación. Deste xeito, asinouse un contrato para realizar as funcións de vixilancia, mantemento e atención ao público do cemiterio. Establécense dous horarios diferentes para prestar estes servizos. O horario de verán (do 1 de agosto ao 30 de setembro de 2017) prestarase de luns a venres, de 9:00 a 13:00h e de 18:00 a 20:00h, así como os sábados, domingos e festivos de 10:00 a 14:00h, mentres que o horario de inverno (do 1 de outubro ata o 31 de decembro de 2017) será todos os días (incluídos sábados, domingos e festivos) de 10:00 a 18:00 horas.
O obxectivo do goberno é que a xestión do cemiterio sexa municipal. Para iso, durante os cinco meses que vai a durar este contrato realizaranse os trámites oportunos para que estes servizos sexan prestados por persoal municipal. Deste xeito, haberá que facer unha modificación puntual na Relación de Postos de Traballo (RPT) e abrir un proceso de contratación de persoal. O alcalde afirma que “a partir de hoxe, 1 de agosto, o cemiterio municipal abre as súas portas á cidadanía e ao longo dos vindeiros meses poderemos xa prestar os múltiples servizos que ofrecen estas instalacións”.
Aprobación do regulamento e da ordenanza reguladora das taxas de utilización
Ao mesmo tempo que se realizaban as devanditas obras de acondicionamento, a corporación municipal aprobou en pleno o regulamento de xestión do cemiterio e maila ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa desta instalación municipal. O regulamento recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns e columbarios do camposanto. Dito regulamento foi aprobado no pleno de xaneiro de 2015, e posteriormente, no pleno ordinario de marzo de 2017, aprobáronse unha serie de modificacións no seu texto para adaptalo á realidade física do cemiterio municipal contida no proxecto técnico de reparación e acondicionamento que se aprobou na sesión plenaria de febreiro de 2016.
Por outra banda, no pasado pleno ordinario de abril aprobouse a ordenanza que regula a taxa pola utilización de cada nicho, tumba, panteón e columbario do cemiterio municipal. Non están suxeitos a dita taxa os casos de emerxencia social. Cómpre destacar que para establecer os prezos dos nichos, panteóns, tumbas e columbarios realizouse un informe por parte do arquitecto, que anteriormente se encargou de redactar o proxecto de construción do cemiterio, na que tomou como referencia os prezos das unidades de enterramento doutros cemiterios da contorna como o de Teo, Negreira e Ordes. Deste xeito, fixo unha media dos valores obtidos para dispor dunha concesión a 25 ou a 75 anos.
Concesión de uso de nichos, tumbas, panteóns e columbarios
Na actualidade o goberno está traballando na elaboración dos pregos para o proceso de licitación que se abrirá co fin de outorgar as concesións administrativas, que están reguladas en coordinación co regulamento do cemiterio municipal. Deste xeito, estableceranse varias modalidades para poder solicitar diversas concesións. A idea é que durante o mes de setembro as persoas interesadas presentes as súas ofertas. A adxudicación das devanditas concesións farase en función do valor económico que figure na proposta de cada persoa interesada en conseguir unha concesión e outros criterios de valoración que se farán públicos. Esta proposta terá sempre que partir dun prezo mínimo que se establecerá para cada unha das modalidades ás que se pode optar. Durante o mes de outubro está previsto realizar as adxudicacións dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios, para que a partir dese momento se poidan comezar a empregar estas instalacións do cemiterio.
Ademais, faltan por aprobar dúas ordenanzas que o goberno pretende levar ao pleno ordinario de agosto, para que, se procede, sexan aprobadas pola corporación municipal. Unha delas recolle os prezos de diferentes servizos como poden ser o uso da capela, da sala de autopsias, da colocación de lápidas, etc. Estes servizos serían prestados polo Concello e posteriormente cobraríanselles ás persoas que os contrataron. A segunda ordenanza recollerá as taxas dos permisos que hai que sacar para o uso dos citados servizos.
Dende o goberno amesán dáse conta das múltiples xestións que eran necesarias facer para a posta en marcha do cemiterio municipal e que durante catro anos quedaron estancadas. “O proceso de adxudicación non quixemos poñelo en marcha ao longo do mes de agosto, para que aquelas persoas que están de vacacións poidan coñecer a apertura deste proceso e presentar as súas propostas. Por iso, ao longo da última semana deste mes ou primeira de setembro sacaremos as bases e abriremos o proceso de solicitude”, confirma o alcalde.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Visitas guiadas para alquilar nicho con vistas en Ames"
El Correo Gallego: "Abre con 2.000 nichos el primer cementerio municipal de Ames"
Lindeiros: "O cemiterio dos Batáns, en Ames, camiña cara a apertura"