Pestanas principais

O goberno municipal asina un contrato de alugueiro coa empresa Ruafer para seguir usando os locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova

Martes, 29 de decembro de 2015

[29-12-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o responsable da empresa Construcciones Ruafer S.A., José Manuel Lareo, acaban de asinar o contrato de alugueiro para poder seguir usando os 12 locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, onde están situadas as aulas da Escola de Música, o local do Roupeiro Municipal ou do proxecto Lentura, entre outros servizos. Este contrato terá unha duración de 6 anos, e ao seu remate o Concello de Ames terá a posibilidade de adquirir estes locais. A sinatura deste contrato foi aprobada pola corporación municipal no pasado pleno extraordinario celebrado o 21 de decembro.


O Concello de Ames poderá seguir utilizando os locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova grazas ao acordo ao que chegou o goberno municipal coa empresa Construcciones Ruafer S.A. Este acordo materializouse no contrato de alugueiro que acaban de asinar o alcalde de Ames, José Miñones, e o responsable de dita empresa, José Manuel Lareo, a través do cal o Concello de Ames recibe os 12 locais en réxime de alugueiro con opción de compra.

O alcalde de Ames, José Miñones, recorda que “en xaneiro de 2006 o Concello de Ames asinou un contrato de comodato coa empresa Ruafer para facer uso destes locais. Este contrato rematou no ano 2011, pero a pesar diso seguiuse facendo uso destes locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Durante a duración do contrato de comodato o Concello realizou varias obras de acondicionamento para destinalos aos fins pretendidos. Este goberno dende o pasado mes de xullo leva negociando con Ruafer e finalmente chegamos a un acordo que se reflicte na sinatura deste contrato”.

O contrato asinado coa empresa Ruafer recolle o alugueiro dos 12 locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova por un importe de 2.100 euros mensuais, máis o IVE correspondente, por un período de 6 anos. Unha vez pasados eses 6 anos, o Concello disporá da opción de adquirir eses 12 locais por un prezo de 525.720 euros, máis o IVE correspondente. As achegas mensuais que fará o Concello quedarán amortizadas no caso de que se decida adquirir os locais. Deste xeito, descontaríanse 151.200 euros ao prezo de compra, polo que o importe a pagar pola adquisición dos devanditos locais sería de 374.520 euros.

Obras de reparación a cargo do propietario
A cambio da sinatura deste contrato a empresa Ruafer comprométese a realizar as obras necesarias para arranxar os problemas de humidade e entrada de auga que hai nalgún dos locais. Ademais, os desperfectos que se poidan producir durante a vixencia do contrato, e que sexan alleos ao uso ordinario que o Concello faga dos locais, corresponderalle ao propietario realizar as reparacións necesarias. A devandita empresa tamén se compromete ao pago do imposto de ben inmobles (IBI) na súa condición de propietario destas instalacións.

Cómpre lembrar que no Centro de usos múltiples hai cinco salas insonorizadas onde se imparten as clases da Escola Municipal de Música de Ames; unha sala de agarda para os pais e nais que teñen aos seus fillos/as matriculados na EMMA; o proxecto Lentura, o Viveiro de empresas (que leva catro anos parado e que se vai poñer en marcha de novo); o Roupeiro municipal; e tamén se imparten clases de ximnasia das escolas deportivas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Acuerdan con Ruafer un alquiler por seis años de los locales de Aldea Nova"
La Voz de Galicia: "El Concello regulariza el alquiler de 12 locales de Aldea Nova ante la amenaza de denuncia de Ruafer"