Pestanas principais

O goberno municipal aproba os novos criterios das axudas para a promoción de actividades realizadas no ano 2016 por clubs e asociacións deportivas de Ames

Martes, 04 de outubro de 2016

[04-10-2016] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividade levadas a cabo no exercicio 2016 por clubs e asociacións deportivas. A contía destinada a esta convocatoria ascende a 50.000 euros. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 8.000 euros. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos e promover a participación activa dos veciños e veciñas no deporte, como medio de promover a formación dos máis novos e de propiciar a convivencia.

O goberno municipal aprobou en Xunta de Goberno Local unha nova convocatoria de axudas, que está destinada a promover actividades desenvolvidas durante este ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Poderán ser subvencionadas as actividades de índole deportiva desenvolvidas polos clubs e asociacións deportivas, así como a adquisición de material inventariable, cun límite dun 20 % do orzamento total. Non se subvencionará a realización de obras. As actividades ou investimentos para as que se solicite a concesión da achega deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2016. O importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 8.000 euros.

A estas axudas poderán optar as asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Ademais, os datos de inscrición no rexistro deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. As asociacións solicitantes teñen que estar ao días nas súas obrigas tributarias (AEAT e Concello de Ames), así como coa Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.

Todos os clubs con subvención superior a 5.000 euros terán que levar na súa vestimenta (chándal e camiseta competición) o logo do Concello de Ames e, en caso de dispor de furgoneta, un adhesivo do citado logo.

As novas bases contemplan un novo sistema de valoración que foi tratado no Consello consultivo de deportes nos pasados meses. O goberno municipal e as entidades deportivas chegaron a un acordo despois de varias reunións onde os clubs e entidades fixeron diferentes achegas. Por vez primeira os clubs e entidades deportivas participaron na elaboración destes criterios e coñecen de antemán como van a ser valoradas estas subvencións.

Prazo para presentar as solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes a esta convocatoria de axudas será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro xeral do Concello, de xeito presencial ou a través da sede electrónica.

Este ano como novidade, esta convocatoria de axudas deberá ser publicada na base nacional de subvencións. Este órgano será o encargado de remitir as bases para que sexan publicadas no boletín oficial da provincia. No momento no que saían as bases publicadas no BOP, o Concello de Ames informará á veciñanza sobre a apertura do prazo de presentación de solicitudes a través da web municipal e das redes sociais. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do Concello 981 883 002 e falar co departamento de Deportes.