Pestanas principais

O goberno municipal aproba o inicio de expediente de licitación dos servizos educativos de psicomotricidade, Bos Días Cole e Tardes Divertidas

Venres, 07 de abril de 2017

[07-04-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, oferta económica máis vantaxosa con varios criterios de adxudicación e tramitación ordinaria, do servizo de psicomotricidade educativa e preventiva, así como dos programas de conciliación Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Trátase de dúas licitacións diferentes ás cales as empresas que estimen oportuno poderán presentar as súas ofertas ata o día 17 de abril no primeiro caso e ata o día 22 deste mesmo mes no segundo proceso de licitación. O orzamento base de licitación é de 35.235 euros para o servizo de psicomotricidade e de 668.822 euros para os programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas.

Os servizos complementarios de educación e conciliación Bos Días Cole e Tardes Divertidas están dirixidos ao alumnado de infantil e primaria e funcionan actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Durante o actual curso o servizo de Bos Días Cole conta con 281 usuarios/as (dos/as cales 172 almorzan) e nas Tardes Divertidas hai 148 rapaces e rapazas (dos/as cales 132 merendan).

Para darlle continuidade a estes programas durante os vindeiros cursos o goberno municipal sacou a licitación o novo contrato do Bos Días Cole e das Tardes Divertidas, por unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído período inicial e prorrogas. Neste contrato existen dous lotes: un para o servizo de Bos Días Cole, que conta cun orzamento base de licitación de 335.489 euros (IVE incluído), e un segundo lote no que figuran o programa de Tardes Divertidas que conta cun orzamento de 333.333 (IVE incluído).

Por outra banda, sacouse a concurso o novo contrato do programa de psicomotricidade educativa e preventiva que terá unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórroga). Neste caso o orzamento base de licitación é de 35.235 euros para os cursos 2017-2018 e 2018-2019. Establécese un prezo máximo de 4,50 euros por sesión e alumno/a. Nos pregos de licitación de dito servizo salientase que se traballarán tres áreas principalmente que son a nivel motor, cognitivo e socio-afectivo. Durante o actual curso o servizo de psicomotricidade conta con 111 usuarios/as.

O programa de psicomotricidade educativa e preventiva, que está dirixido aos nenos/as de 3, 4 e 5 anos (etapa de educación infantil), desenvólvese nas aulas de psicomotricidade dos colexios de infantil, en Bertamiráns no CEIP A Maía e no CEIP Agro do Muíño, e no Milladoiro na escola infantil desta localidade. A actividade levarase a cabo cunha periodicidade dunha sesión semanal, cunha duración dunha hora, o longo do curso escolar. O obxectivo xeral que se persegue co programa de psicomotricidade educativa preventiva é favorecer o desenvolvemento do neno/a.

Para obter máis información sobre estes procesos de licitación pódese visitar o perfil do contratante do Concello de Ames.