[25-04-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, oferta económica máis vantaxosa con varios criterios de adxudicación e tramitación ordinaria suxeito á regulación harmonizada do servizo de monitoraxe na Rede de comedores escolares do Concello de Ames, por unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído período inicial e prórrogas. As empresas que estimen oportuno poderán presentar as súas ofertas ata o día 8 de xuño. O orzamento base de licitación é de 1.606.412,50 euros.
Os servizos complementarios do Concello de Ames, no que está incluída a Rede municipal de comedores escolares, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da rede de comedores escolares, un servizo xestionado directamente polo Concello, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta, CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “Ames segue sendo un referente a nivel galego, e incluso a nivel estatal, na xestión directa dos comedores escolares. Dende a chegada do actual goberno no ano 2015 incrementáronse en máis de 100 prazas a oferta da Rede municipal de comedores escolares. Na actualidade, estase ofertando unha praza de comedor por cada dous alumnos/as escolarizados nos centros educativos públicos amesáns. Para seguir ofrecendo este servizo nas mellores condicións posibles acabamos de aprobar a licitación do servizo de monitoraxe, que é un dos contratos máis importantes do Concello”.
As empresas que estimen oportuno poderán presentar as súas ofertas ata o día 8 de xuño. O orzamento base de licitación é de 1.606.412,50 euros. Os pregos de licitación deste servizo contemplan a subrogación de máis de 100 traballadores e traballadores. A duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído período inicial e prórrogas. Asemade, establécese que para o exercicio 2017 é precisa unha partida de 312.103 euros que está recollida no orzamento que se aprobou inicialmente no pleno extraordinario do pasado 18 de abril. Ademais, haberá que habilitar partidas nos vindeiros orzamentos para os exercicios 2018 e 2019.
Por outra banda, no prego de licitación tamén se recolle o incremento de prazas no servizo de comedores escolares para o alumnado escolarizado en Ames. Deste xeito, o número de prazas máximo fixado para os próximos dous cursos escolares ascende a 1.254 prazas, en previsión do incremento motivado pola ampliación do CEIP Agro do Muíño e da crecente solicitude de matrícula nos comedores escolares, froito dun maior volume de alumnado nos colexios de infantil e primaria do concello de Ames.
Convenio de xestión dos comedores escolares de Ames
Por último, o concelleiro de Educación e Cultura indica que “dende o goberno municipal solicitamos unha xuntanza co conselleiro de Educación co obxectivo de renovar o convenio que asinamos coa Xunta de Galicia para sufragar parte dos gastos da xestión da Rede municipal de comedores escolares”.
“A Xunta de Galicia debe ser consciente de que este servizo de competencia autonómica está a ser desenvolvido con excelencia e de forma directa no Concello de Ames, polo que lle solicitamos un incremento da achega realizada pola Consellería. O orzamento municipal deste servizo supera os 1,5 millóns de euros anuais, dos cales a Consellería asignou no pasado ano 2016 un total de 90.780 euros, o que supón menos do 6% do custo total, que debe incrementarse”, engade David Santomil.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Monitoraxe amesán para os comedores por 1,6 millóns"




