[21-10-2015] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, fai pública a proposta do executivo amesá de reducir a carga fiscal do IBI con respecto aos últimos anos, non aplicando a taxa do 0,5% e mantendo a porcentaxe do 0,44%. Ames é un dos poucos concellos da contorna que non vai manter a presión fiscal do IBI, que actualmente estaba nun 0,5%, para todos os inmobles urbanos, salvo os de uso residencial que non superaban o valor catastral de 49.802,09 euros.
Recordamos que este recargo impositivo aplicouse durante os anos 2012, 2013, 2014 e 2015 en función do Real Decreto Lei 20/2011, do 30 de decembro de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público e remata en decembro de este ano 2015. O goberno local aposta por eliminar este recargo que xa non é obrigatorio e reducir esta carga fiscal aplicando para eses bens un 0,44%, porcentaxe establecida na ordenanza municipal actual que non sufriría cambios.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, apunta que “esta medida de eliminación do recargo rebaixará o importe do recibo do IBI con respecto aos últimos 4 anos e axudará a minimizar o impacto que está a ter a regularización catastral nos veciños/as de Ames”. Esta medida traduciríase nunha rebaixa no recibo do IBI dos veciños/as a partires do ano 2016.
Ademais, o goberno de Ames vai a incorporar como novidade na ordenanza do IBI, establecer un recargo dun 25% da cota líquida para inmobles urbanos de uso residencial desocupados, polo menos 2 anos. Con esta medida preténdese potenciar as bolsas de aluguer de vivendas moi necesarias no concello, á espera de aplicala cando se estableza o regulamento estatal correspondente.
Novas bonificacións
Outras das medidas que se levarán adiante dende o executivo amesá será establecer para o IBI unha nova bonificación do 90% da cota íntegra para familias numerosas con todos os membros en paro e que non teñan ningún tipo de prestación; e unha bonificación dun 50% o primeiro ano e 25% o segundo para inmobles nos se instalaran sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.
O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “creemos necesario estar ao lado dos veciños e veciñas de Ames e colaborar de xeito directo na economía das familias. Debido a iso vamos a presentar este paquete de medidas e rebaixaremos o IBI de cara ao vindeiro ano 2016. Estas propostas, xunto con outras referentes a outros impostos municipais, serán levadas a debate xa no pleno deste mes de outubro”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames prevé bonificaciones del IBI a familias sin recursos y viviendas sostenibles"
El Correo Gallego: "Ames aposta pola redución da carga fiscal do IBI para o ano 2016"