[16-03-2016] O goberno municipal de Ames considera inmoral o acordo asinado entre a Unión Europea e Turquía para deportar ás persoas refuxiadas. “É vergoñento, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instamos o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocamos a cidadanía as concentracións cidadás que se van celebrar hoxe, 16 de marzo, en varias cidades e vilas galegas”. En Santiago de Compostela hai convocada unha concentración, ás 20:00 horas, na praza do Toural.
Dende o goberno de Ames denuncian que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía ao tempo que pon de manifesto a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras. O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra.
A Unión Europea, ademais de incumprir a legalidade internacional, elude a súa responsabilidade de dar resposta aos milleiros de refuxiados e refuxiadas que se amorean nas súas fronteiras, mediante un acordo con Turquía para deportar a ese país a todos os inmigrantes, económicos e tamén demandantes de asilo, que cheguen á UE a través deste país, a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados asentados en territorio turco.
A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todos eles considerados «ilegais». Expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.
A Unión Europea comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento. Este acordo ampliase ademais coa eliminación do requisito de visado para as cidadás e cidadáns turcos en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión —como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco—, ou o exterminio do pobo kurdo.
Os refuxiados e as refuxiadas son seres humanos que foxen da guerra e buscan a protección internacional, facer deles unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non dará lugar a unha resposta máis humanitaria: pagar a Turquía non eliminará o perigo ao que sirios, iraquís e outros pobos están expostos nos seus propios países.
O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados sirios) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.
A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha perspectiva, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.
Maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial
O Goberno de Ames deféndese que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que ven derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EEUU, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas.
Consideramos pois unha inmoralidade e unha grande hipocresía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. Europa ten capacidade de resposta e de solución da mesma o que non ten é vontade política para facelo.
Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía, no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.
Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a toda a veciñanza, a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.
CONCENTRACIÓNS:
-A Coruña: ás 20 h diante do Obelisco.
-Ferrol: ás 20 h diante do edificio da Xunta (praza de España).
-Santiago de Compostela: 20 h na praza do Toural.
-Burela: ás 20 h diante do Concello.
-Viveiro: ás 20 h diante do Concello.
-Lugo: ás 20 h diante da Subdelegación do Goberno.
-Ourense: ás 19:30 h diante da Subdelegación do Goberno.
-Vilagarcía de Arousa: ás 20 h na praza de Galicia.
-Vigo: ás 20 h diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO).
MANIFESTACIÓN:
-Pontevedra: ás 20 h desde a praza da Peregrina ata a Subdelegación do Goberno.