Pestanas principais

O goberno municipal adxudica as obras de mellora e reparación da Casa da Cultura de Bertamiráns

Sábado, 11 de marzo de 2017

[11-03-2017] A Xunta de Goberno Local acaba de adxudicar o proxecto, que recolle unha serie de melloras no edificio da Casa da Cultura de Bertamiráns, á empresa CYS Hispania SL. Estes traballos, que comezarán a executarse de forma inmediata, foron adxudicados por 67.553 euros (IVE incluído). Trátase da primeira reforma integral deste local municipal durante os vinte anos que leva funcionando. Estas obras están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial da Coruña.

A través desta actuación o goberno municipal pretende paliar as deficiencias detectadas na Casa da Cultura de Bertamiráns, que é un dos locais municipais máis usados e con maior afluencia de veciños e veciñas, tanto para realizar actividades que imparte o Concello (Escolas culturais, Escolas deportivas, actividades da Oficinas de Voluntariado, etc) coma para a asistir a espectáculos teatrais e musicais que forman parte da programación municipal, así como as actividades das asociacións e colectivos locais.

As obras de mellora afectan á cuberta do edificio, ao sistema de calefacción, á impermeabilización da fachada e ás zonas con humidade. Ademais, modificarase o patio de butacas e o anfiteatro para que os espectadores gañen visibilidades nos espectáculos que se representan no auditorio (incrementarase a pendente do solo das dúas zonas de butacas) e vaise crear un novo acceso dende o interior do auditorio á cabina de técnicos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “se trata dunhas obras moi necesarias e urxentes polo que a empresa adxudicataria comezará os traballos canto antes e durante o verán. Dende o goberno démoslle prioridade a estas obras que están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial da Coruña. Trátase dunha reforma integral deste edificio municipal, a primeira con carácter global e que afecta ao auditorio dende o ano 1997, momento no que se inaugurou este centro sociocultural”.

Anexo á Casa da Cultura
A única modificación que se realizou na Casa da Cultura de Bertamiráns foi a execución dun local que dispón dunha superficie de 512 metros cadrados e que está encadrado ao carón do centro sociocultural. Este anexo, que foi rematado no ano 2011, permitiu ampliar o espazo da Casa da Cultura con novas oficinas para o persoal municipal, unha sala de exposición e outra sala onde se imparten outro tipo de actividades: deportivas, culturais, etc.