[09-06-2016] A Xunta de Goberno Local acaba de adxudicar o servizo de cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro a José Luis Vázquez Cabanelas. A duración inicial do contrato será de dous anos a contar dende o momento da súa sinatura, podendo prorrogarse anualmente de maneira expresa ata un máximo de dúas prorrogas, polo que a duración máxima será de catro anos (período inicial e prorrogas). O adxudicatario terá que aboar un canón de 786,50 euros ao mes (IVE incluído) sumando un total de 9.480 euros anuais.
Dentro do plan de regularización dos servizos municipais o goberno municipal sacou a concurso o servizo de cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro. A este proceso de licitación presentáronse un total de 15 empresas e autónomos. A apertura de propostas foi anónima e realizouse nun acto público. Finalmente, a Xunta de Goberno Local acordou esta mañá adxudicar este servizo a José Luis Vázquez Cabanelas.
Hai que destacar que por primeira vez nos pregos deste proceso de licitación introducíronse uns criterios sociais puntuables para a adxudicación. A situación de desemprego do solicitante, grao de diversidade funcional e condición de familia numerosa puntuáronse ata un máximo de 15 puntos, dentro dos 100 puntos máximos a que puideron optar na licitación.
A oferta económica tivo un valor máximo de 50 puntos. A realización de posibles melloras nas instalacións da cafetería para a súa apertura puntuouse un máximo de 10 puntos, xunto coa elaboración de produtos na propia cafetería que se valorou con outros 15 puntos e maila oferta de produtos que teñen en conta as intolerancias alimentarias que puideron obter outros 10 puntos. Por último, ao tratarse dun espazo público de carácter cultural limítase o consumo de bebidas alcohólicas a viño e cervexa.
O adxudicatario comprométese a manter a cafetería aberta e en funcionamento en horario de luns a venres, de 9:00 a 22:30 horas, e os sábados, de 9:00 a 14:00 horas. O adxudicatario tamén terá a obriga de manter aberta a cafetería fóra do horario establecido anteriormente, cando o Concello así llo indique, con motivo da realización na Casa de Cultura ou nas súas inmediacións de calquera actividade que o Concello ou un terceiro organice, e se considere conveniente que a cafetería permaneza aberta para servizo do público asistente, ata un máximo de 9 xornadas ao ano.
Así mesmo, e previa petición do adxudicatario e pertinente autorización do Concello, tamén se poderá permitir a apertura da cafetería fóra dos horarios ou xornadas anteriormente establecidos como obrigatorios. Durante este período no que se levou a cabo a licitación do servizo habilitouse un espazo con máquinas dispensadoras de bebidas e aperitivos, para atender as necesidades dos usuarios e usuarias da Casa da Cultura do Milladoiro.
Licitación do servizo de cafetería do IES Milladoiro
Por outra banda, dende a concellaría de Educación e Cultura dáse conta de que se acaba de iniciar o procedemento de licitación do servizo de cafetería do instituto do Milladoiro para o próximo curso 2016-2017. A duración do contrato coincidirá co período de actividade académica durante o curso escolar 2016-2017, unha vez que o adxudicatario/a do servizo preste a súa conformidade ao presente documento, sen prexuízo da súa resolución anticipada por mutuo acordo das partes contratantes.
O servizo de cafetería prestarase nun local habilitado para tales efectos nas dependencias do centro e que ten unha superficie útil aproximada de 136 metros cadrados (o local da cafetería disporá de 108 m2; a cociña terá 12 m2; e o almacén conta cunha superficie útil estimada de 16 m2). O horario establecido para a prestación do servizo de xestión e explotación da cafetería será os días que haxa clase no centro. Polo tanto, abrirá os luns, mércores, xoves e venres, de 8:40 a 14:30 horas, e os martes de 8:40 a 18:15 horas.
Segundo informan dende o centro escolar, as empresas interesadas poden obter a documentación necesaria para participar neste proceso de licitación a través da web do IES do Milladoiro ou na conserxería do instituto, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. As proposicións presentaranse nun sobre pechado na secretaría do IES do Milladoiro, ata as 14:00 horas do 27 de xuño de 2016, incorporando toda a documentación necesaria. O servizo de cafetería adxudicarase á oferta máis vantaxosa, tanto técnica como economicamente.




