Pestanas principais

O goberno municipal actualiza o Rexistro Municipal de Asociacións

Venres, 06 de maio de 2016

[06-05-2016] O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, estivo realizando un profundo traballo para actualizar o Rexistro Municipal de Asociacións, que levaban máis de 5 anos sen revisar. Na actualidade este rexistro conta con 136 asociacións inscritas (65 entidades de carácter artístico-educativo, cultural ou veciñal; 58 asociacións deportivas; 4 entidades de carácter comercial-empresarial; e 9 ANPAS). Durante o ano pasado inscribíronse un total de 8 entidades, mentres que durante os primeiros catro meses de 2016 producíronse 5 inscrición.

No Rexistro Municipal de Asociacións poden inscribirse aquelas entidades amesás de interese social sen ánimo de lucro, cuxo obxecto sexa a defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais. Actualmente, o rexistro ten inscritas un total de 136 asociacións. Este rexistro foi sufrindo varios cambios dende que se puxo en marcha. Por iso dende o departamento de Cultura decidiron facer unha actualización dos seus datos.

Deste xeito, comezouse o traballo de actualización con 145 entidades inscritas inicialmente (incluíndo ás que xa foron baixa). Despois da revisión executada seguen rexistradas 65 entidades de carácter artístico-educativo, cultural ou veciñal; 58 asociacións deportivas; 4 entidades de carácter comercial-empresarial; e 9 ANPAS. En breve, todas estas asociacións estarán dispoñibles na páxina web do concello no apartado correspondente a "Asociacións".

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que "a actualización do rexistro de asociacións é fundamental para favorecer os procesos de participación e comunicación co tecido asociativo do concello".

As asociacións inscritas teñen dereito a recibir axudas económicas do Concello, sempre que o permitan os recursos orzamentarios, e a subscribir convenios de colaboración coa Administración local no desenvolvemento da súa labor. Neste sentido, as entidades inscritas tamén teñen dereito a empregar os medios públicos municipais, especialmente os locais e medios de comunicación, sendo responsables do trato dado ás instalacións. Este uso ten que ser solicitado con dúas semanas de antelación e por escrito ao Concello, que deberá autorizalo expresamente.

Aquelas asociacións que non concorran ás convocatorias de subvencións, ou non teñan asinado ningún convenio co Concello, teñen que presentar un orzamento e un plan de actividades anuais. Aquelas que non o fagan en dúas anualidades consecutivas causarán baixa no rexistro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames ganó trece entidades asociativas en dos años y deja el censo local en 136"