[22-06-2016] O goberno municipal mantivo esta semana unha xuntanza cos hostaleiros e hostaleiras de Ames e mailos propietarios de negocios que fan ocupación da vía pública (froiterías, florerías, comercios, etc.), para falar do borrador da ordenanza de instalación de terrazas, taboados e outros elementos análogos. Na xuntanza participaron o alcalde de Ames, a concelleira de Promoción Económica, a concelleira de Economía e Facenda, o concelleiro de Urbanismo, técnicos municipais, e unha ampla representación do sector hostaleiro amiense. Neste encontro acordouse crear unha comisión de traballo para avanzar na elaboración da devandita ordenanza.
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “nesta xuntanza os hostaleiros/as mostraron boa disposición para abordar este tema. Dende o goberno municipal explicóuselles que o obxectivo é facer un regulamento en positivo e que beneficie a súa actividade”. Ademais, incidiu en que “o quere facer este grupo de goberno é potenciar a hostalería de Ames, xa que se trata dun sector moi importante para o desenvolvemento socio-económico local”.
Nesta xuntanza acordouse crear unha comisión na que participen diferentes membros do goberno municipal, técnicos municipais e representantes do sector hostaleiro amiense. A través deste grupo de traballo preténdese avanzar e debater sobre a elaboración da ordenanza de instalación de terrazas, taboados e outros elementos análogos punto a punto. Nesta comisión poderase debater aqueles puntos que os hostaleiros entenden que os poden prexudicar e que son necesarios modificar dentro do propio regulamento e sempre co cumprimento das normativas vixentes.
Coa aplicación desta ordenanza preténdese alcanzar dous obxectivos principalmente. En primeiro lugar, búscase que os peóns poidan camiñar sen dificultade polas beirarrúas, sen ter que esquivar obxectos, e por outra banda, darlle a facilidade aos hostaleiros que non poden montar terrazas porque a normativa non llo permite por non dispor dos metros necesarios e polo espazo que hai que deixar libre nas beirarrúas, para que poidan montar taboados ou outros espazos similares. Ademais dende o executivo destacouse o feito do cumprimento da futura Lei de accesibilidade, que entrará en vigor en decembro de 2017, á que os hostaleiros/as deberán adaptarse.
Deste xeito, explicóuselle que con esta ordenanza se pretende regular e buscar unha solución ao problema da instalación das terrazas que teñen algún locais, por iso se crea a posibilidade da colocación de taboados, ademais de regular a colocación de cerramentos e similares. O colectivo amiense incidiu na necesidade de estudar polo miúdo cada caso.
Esta xuntanza enmarcouse dentro dunha ronda de contactos que está mantendo o goberno municipal cos hostaleiros e propietarios de negocios que fan ocupación da vía pública. Previamente a estas reunións xa se lle enviou unha copia do borrador da ordenanza ás Asociacións de comerciantes de Ames e á Asociación de Hostalaría de Santiago e Comarca. Asemade, tamén se lle deu traslado de dita ordenanza aos grupos de oposición para que tivesen coñecemento deste asunto. Dende o goberno insistiuse na necesidade de asociacionismo por parte do sector e instouse a aproveitar o momento para a súa constitución.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ayuntamiento y hosteleros trabajarán en la ordenanza de las terrazas de Ames"
El Correo Gallego: "La hostelería de Ames estudiará la ordenanza para terrazas"




