[26-07-2015] O pasado xoves, 23 de xullo, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación, David Santomil, mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e co secretario xeral, para tratar varios temas relacionados co eido educativo en Ames. Ademais de asinar un convenio, a través do cal a Xunta achegará 181.000 euros para sufragar unha parte do custo da Rede Municipal de Comedores Escolares, nesta xuntanza tratáronse temas como o da seguridade viaria, o transporte escolar, os problemas de dotación de material e equipamentos, así como a ampliación e posible construción de novos centros escolares en Ames.
Na tarde do xoves o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Cultura e Educación, David Santomil, reuníronse co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para asinar un convenio, a través do cal se financia durante os dous vindeiros cursos unha parte do custo da Rede Municipal de Comedores Escolares. Deste xeito, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará un total de 181.560 euros para financiar o servizo de comedor que se ofrece no CEP de Ventín, no CEIP de Barouta, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP da Maía e na EEI Milladoiro. Neste servizo están inscritos un total de 1.084 usuarios/as de cara ao vindeiro curso escolar.
Ao abeiro deste acordo, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar 2015-2016 e 2016-2017. Pola súa banda, o concello comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.
Asemade, falaron co conselleiro de Educación doutras necesidades educativas que presentan os centros de ensino amesáns. Deste xeito, abordouse a posibilidade de ampliar algún colexio e incluso construír algún centro novo en Ames. Outros temas que se trataron foron o transporte escolar e os problemas de seguridade viaria que existen no IES Plurilingüe de Ames e no CEIP da Maía, situados en Bertamiráns; as deficiencias dotacionais que ten o IES Milladoiro; e as deficiencias existentes en varios centros educativos de Ames.
O concelleiro de Educación, David Santomil, explicou que “foi a primeira visita institucional que fixo o goberno de Ames á consellería de Educación coa intención de abordar varias cuestións do eido educativo amesán. Tratouse dunha primeira toma de contacto que foi moi produtiva e quedamos en manter novos encontros co conselleiro de Educación para ir tratando estes temas máis polo miúdo”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames traslada a Educación la falta de seguridad viaria en colegios"
La Voz de Galicia: "El Concello recibe de la Xunta 181.560 euros para comedores escolares"
La Voz de Galicia: "La Xunta retirará la pasarela junto al colegio de Bertamiráns"