Pestanas principais

O goberno local reúnese co director da Axencia Galega de Infraestruturas para estudar a posibilidade de que a estrada da avenida da Maía pase a ser de titularidade municipal

Venres, 05 de maio de 2017

[05-05-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta semana unha xuntanza co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, para falar da cesión de varios viarios, que na actualidade son de titularidade autonómica e pasen a ser de competencia municipal. Deste xeito, dende a Xunta de Galicia queren cederlle ao Concello a estrada que discorre pola avenida da Maía xa que consideran que se trata dunha travesía urbana. Para tomar unha decisión sobre este asunto dende o goberno municipal van a realizar un estudo de custes para a mellora desta vía que terían que ser asumidos polo administración autonómica antes do traspaso de competencias.

Na xuntanza celebrada este xoves, 4 de maio, falouse principalmente do cambio de titularidade de tres viarios que discorren polo termo municipal de Ames. En primeiro lugar, abordouse a posibilidade de que a estrada AC-543, dende a rotonda que dá acceso a AG-56 ata o límite co concello de Brión, no Tremo, e que discorre pola avenida da Maía, pase a ser de titularidade municipal. Dende a Xunta de Galicia están intentando traspasar ás administracións locais todas estas vías que son travesías urbanas. Neste caso trátase dunha vía que pertence ao núcleo de Bertamiráns.

Sobre este tema o rexedor municipal indica que “dende o goberno municipal vaise estudar esta posibilidade xa que se trata dunha vía que ten máis de dous quilómetros de lonxitude e que precisa traballos de mantemento. Os últimos traballos que se realizaron nela foron durante o pasado verán para mellorar a sinalización horizontal e repintar as liñas viarias. Hai tramos que presentan varias deficiencias no estado do firme, polo que terían que ser solucionadas antes dunha posible recepción por parte do Concello”.

Deste xeito, para tomar unha decisión sobre este asunto dende o goberno municipal van a realizar un estudo de custes para a mellora desta vía que terían que ser asumidos polo administración autonómica antes do traspaso de competencias. Na xornada de onte xa se iniciaron os contactos para elaborar dito estudo que estaría divido en dúas parte. Por unha banda, vaise realizar un estudo para avaliar o custe de mellora dende a rotonda que dá acceso a AG-56 ata a rotonda que está ao lado do supermercado Mercadona. Na segunda parte do estudo valoraríanse os custos de mellora do tramo de estrada que vai dende a rotonda do Mercadona ata o límite co concello de Brión, no Tremo. Unha vez elaborado o estudo de custos presentaríaselle á Xunta de Galicia.

José Miñones engade que “ata que saibamos o resultado do estudo non teremos unha decisión clara ao respecto. Vamos agradar a coñecer o resultado do devandito estudo e despois se a Axencia Galega de Infraestruturas acepta realizar as actuacións de mellora da vía, en principio non teríamos inconveniente en aceptar o traspaso deste tramo da AC-543 porque, na actualidade ao ser de titularidade autonómica atopámonos con atrancos para poder executar algunhas actuacións que queremos realizar dende o Concello como pode ser o pintado de máis pasos de peóns”.

Outros asuntos tratados
Por outra banda, falouse da posibilidade de que a estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova tamén pase a ser de titularidade municipal. Trátase dun acordo ao que se chegou xa anos atrás con gobernos anteriores, pero que non se fixo efectivo. Dende o goberno municipal indican que non teñen inconveniente en recepcionar esta vía, pero dentro do acordo inclúese a vía da Ponte Nova enteira e a metade desta estrada pertence ao Concello de negreira, polo que non é competencia de Ames. Debido a iso, dende a Axencia Galega de Infraestruturas van a estudar este tema cos seus servizos xurídicos e o o alcalde de Ames falará co goberno de Negreira para tratar de chegar a un acordo.

Por último, na antiga estrada de Negreira existe un tramo duns 400 metros que dá acceso á parroquia de Trasmonte, que é de titularidade autonómica, pero o seu firme atópase en mal estado. Neste caso o goberno local solicitou que unha vez sexa arranxada pase a ser de competencia municipal para encargase o Concello do seu mantemento.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Xunta y Concello negocian que parte la travesía de Bertamiráns sea municipal"