[26-01-2015] O Concello de Ames celebrou o pasado venres e hoxe, luns, día 26, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xaneiro. Nelas abordouse, entre outros asuntos, a aprobación inicial do regulamento do cemiterio municipal, que está situado no lugar de Os Batáns -preto do núcleo de Bertamiráns-. Esta normativa recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns e columbarios que son propiedade do Concello. Os aspectos económicos sobre o uso do camposanto regularanse a través da correspondente ordenanza fiscal que se aprobe ao efecto. O goberno municipal está traballando para buscar a mellor fórmula de xestión desta infraestrutura municipal.
Outro dos temas que se abordaron nas comisións informativas foi a aprobación dunha addenda para prorrogar o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ames, para a construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns. O inmoble, que contará con 6 unidades e 82 prazas, estará situado nunha parcela de 3.389 metros cadrados do polígono APE B7-06, próximo ao paseo fluvial.
Ademais, tamén se puxo enriba da mesa o recoñecemento extraxudicial plenario 1/2015 (que xa fora levado ao pleno en decembro de 2013), para o desenvolvemento dun sistema de xestión de solicitudes para o programa de comedores escolares, traballos que foron realizados pola empresa Tecnologías Plexus SL, por un importe de 17.015,60 euros.
Tamén se valorou a modificación da base de execución do orzamento número 41, como requisito previo para a posterior concesión dunha achega nominativa á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns pola organización da X Feira do Comercio Val da Maía; ás entidades Cáritas Diocesana do Milladoiro e Cáritas Parroquial San Juan de Ortoño; e a Asociación de Comerciantes do Milladoiro, pola organización do evento comercial “Merca, Tapea e Gaña”.
Por último, abordouse unha moción presentada polos concelleiros do grupo municipal socialista e polos concelleiros non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez, Ramón García Argibay, Pilar Candocia, Susana Mayo e Anxo Doval sobre o acceso aos tratamentos de última xeración para as persoas doentes de hepatite C.