Pestanas principais

O goberno leva a pleno a modificación da ordenanza do ICIO para o centro de saúde de Milladoiro

Venres, 22 de xullo de 2016

[22-07-2016] O goberno de Ames dá un novo paso cara a pechar un convenio coa consellería de Sanidade, que permita o inicio das obras do tan demandado centro de saúde do Milladoiro. Durante os últimos meses estivéronse dando pasos dende a Administración local, para desbloquear a situación desta infraestrutura. Nas últimas semanas os contactos mantidos entre o alcalde, José Miñones, e a xerencia do Sergas incrementouse co obxectivo de avanzar nun convenio que garanta a construción do edificio. No día de onte o Sergas enviou o texto definitivo no que solicita unha bonificación do 95% para o pago do ICIO ao Concello, tal e como permite a lei. Para elo o goberno debe levar ao pleno a modificación desta ordenanza, xa que nesta recóllese unha bonificación do 90%, en vez do 95%.

O goberno de Ames xa tiña convocadas as comisións informativas, previas ao pleno ordinario do mes de xullo, para este mesmo venres, pero ante esta solicitude non se quere atrasar o máis mínimo ningún tipo de trámite que teña relación co novo centro de saúde do Milladoiro, polo que incluíuse de forma urxente este asunto na comisión de economía e facenda. Na comisión celebrada a última hora deste venres o goberno doulle conta aos partidos da oposición dos pasos que hai que dar neste senso. Finalmente, a modificación da ordenanza foi aprobada inicialmente, á espera de ser tratada e debatida no pleno da próxima semana.

O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “este feito foi comunicado ao xerente do Sergas para que se vexa que o Concello ten toda a predisposición para acadar o inicio das obras o antes posible. Demos a máxima prioridade a este cambio para poder aprobalo no pleno da vindeira semana e non ter que esperar así ao mes de setembro".

Con este novo paso, Miñones solicitou xa a sinatura do convenio de colaboración coa Consellería para a próxima semana. "O goberno ten presa por acurtar os prazos e sabemos que do diálogo e a boa disposición pódese chegar a acordos e por elo agradecemos á Consellería todo o esforzo que está a facer", indica o rexedor municipal. Dende o Concello informan que o pasado martes enviouse tamén o texto definitivo do convenio que se pretende asinar co propietario das parcelas, que engloban a zona onde se situará o centro de saúde, e esperan a contestación final para fixar data da súa sinatura.

Outros asuntos tratados nas comisións informativas
Nas comisión informativas abordáronse outros temas como a modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público por servizos culturais e deportivos. Esta ordenanza fai distinción entre os menores e maiores de 18 anos. Asemade aplica desconto polos membros da mesma familia que son usuarios/as do servizo. Realizado un estudo do servizo, o custe estimado por alumno das escolas neste momento é de 77,52 euros en case todas as modalidades deportivas, salvo algunhas actividades como a natación e o predeporte, que ascenden a cantidades de 148 euros e 155 euros respectivamente.

Tendo en conta que no vindeiro curso se vai incrementar nun mes o servizo das escolas deportivas, e despois de chegar a un acordo no Consello Municipal de Deportes, dende o Concello considerase necesario a modificación da actual ordenanza fiscal dos prezos públicos de servizos deportivos e culturais, no que ás tarifas dos servizos deportivos se refire, co obxecto de adecualas na medida do posible aos custes do servizo, establecendo novas bonificacións por familia numerosa e un novo período de pagamento.

Outro dos temas que se abordou foi a desestimación, polos motivos expostos no informe emitido pola secretaria municipal, do recurso de reposición formulado pola entidade mercantil Acciona Augas Servizos SL contra o acordo plenario do 28 de abril de 2016, polo que se aproba o expediente de contratación mediante procedemento aberto, oferta máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación, para a xestión do servizo público do Ciclo integral da Auga do Concello de Ames. Consecuentemente, denégase a solicitude de suspender o procedemento de licitación do citado servizo do ciclo integral da auga.

Creación do Consello asesor de comunicación
O goberno municipal tamén lle proporá ao pleno a creación dun Consello asesor de comunicación, no que estea incluída a radio municipal Ames Radio, e no que poidan ter representación os diferentes sectores socias e profesionais afectados. Dito órgano disporá dun presidente/a; un representante de cada un dos grupos políticos municipais; cinco representantes, elixidos por elas mesmas, das asociacións do concello, que estean inscritas no rexistro municipal de asociacións, garantindo que haxa un representante de cada tipo de asociación (asociacións de empresarios e comerciante; ANPAs; asociacións de veciños e parroquiais, asociacións deportivas; e asociacións sociais e culturais); un profesional do sector designado polo Colexio de Xornalistas de Galicia; un técnico de Ames Radio; un representante dos colaboradores/as da radio municipal; e un funcionario/a municipal que actuará como secretario/as. Este consello reunirase de xeito ordinario, como mínimo, dúas veces ao ano durante o primeiro e segundo semestre. Asemade, nas comisións informativas, tratouse a aprobación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal de frecuencia modulada Ames Radio.

Por outra banda, tamén se tratou a fixación des festivos locais para o exercicio 2017. A proposta do goberno municipal é fixar como festivos locais o martes de Entroido (28 de febreiro) e mailo día da Ascensión (25 de maio).

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El ICIO del centro de salud de Milladoiro, a debate en el pleno"
El Correo Gallego: "Ames tratará la bonificación del ICIO para el centro de salud de O Milladoiro"