Pestanas principais

O Goberno informa na xunta de voceiros de agosto sobre os asuntos de pleno e a situación da Policía Local

Sábado, 18 de agosto de 2018

[18-08-2018] O pasado martes, 14 de agosto, xuntáronse no Salón de plenos os representantes das diferentes formacións políticas nunha nova xuntanza de voceiros. Dende a entrada en funcionamento desta nova lexislatura, o Concello ven celebrando xuntas de voceiros cada mediados de mes para dar conta de asuntos de relieve e tratar os posibles asuntos plenarios de cara á convocatoria das comisións. Nesta ocasión, o alcalde de Ames, José Miñones, dou conta dos asuntos plenarios da sesión que se celebrará o vindeiro 6 de setembro, pero que corresponde ao mes de agosto.

Nesta previsión de asuntos, o goberno local pretende levar a pleno a aprobación da elección de xuíz/a de paz, as modificacións das ordenanzas de ICIO, IBI e IAE, e a adhesión ao Convenio Doing-Business. O obxectivo deste convenio é fomentar a implantación e fixación de empresas no territorio galego. Para elo, a Xunta de Galicia busca, a través dunha colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), establecer un marco de colaboración coas administración locais que permita facilitar o impulso dunha serie de medidas que favorezan este obxectivo. Para que Concellos poidan participar neste programa, é necesario que efectúen unha serie de compromisos recollidos no protocolo desta iniciativa e que deben manterse, polo menos, nun prazo de tres exercicios orzamentarios.

Ademais, na sesión plenaria do 6 de setembro darase conta da liquidación, que arroxa un ano mais un resultado positivo. Outros posibles asuntos que están pendentes de informes son a sétima modificación da RPT para a inclusión das prazas de profesorado da Escola de Música, o Plan normativo de 2019 e o Convenio co Concello de Brión sobre a xestión da ETAP de Lens. Neste senso, o documento busca regular a porcentaxe de participacións de cada concello nos custos de xestión da Estación de Tratamento de Auga Potable Ames-Brión. Ao concello de Ames corresponderialle a administración, control da xestión e mantemento da instalación da ETAP mediante a contratación da prestación do servizo. Nos custos participarán ambos concellos. No convenio recóllese que o 67% dos gastos de posta en marcha e mantemento da ETAP correrán a cargo do Concello de Ames, mentres que Brión se fará cargo do 33% restante. En canto aos gastos do contrato de mantemento, potabilización e electricidade, o custo será proporcional ao número de metros cúbicos que consuma cada concello; así como no tocante ao consumo de auga.

Situación da Policía Local
Ademais dos temas susceptibles de ir a pleno o grupo de goberno, ao igual que o pasado mes de xullo, dou conta da situación actual da Policía Local, explicando os pormenores das baixas que están tendo neste departamento e as accións posibles para dar solución ás problemáticas puntuais de cobertura de servizo. Así, informouse que desde o Concello puxéronse en contacto coa Capitanía da Guardia Civil do cuartel de Milladoiro para dar cobertura á problemática das baixas, facéndose un reforzo de servizo nas festas de Ames ou nas fins de semana.

Así mesmo, concretouse unha xuntanza dos grupos da oposición coas responsables técnicas de intervención e secretaría para o 10 de setembro no que tratar o asunto do complemento de destino da policía local e que se ten aprobado en mesa xeral de negociación o pasado mes de xuño.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Goberno informa na Xunta de Voceiros de agosto sobre os asuntos do pleno e a situación da Policía Local"