Pestanas principais

O goberno de Ames trasládalle ao presidente da FEGAMP as necesidades do Concello en materia de financiamento e asunción de competencias

Xoves, 23 de xaneiro de 2020

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, mantivo unha xuntanza co grupo de goberno de Ames no marco da rolda de contactos que iniciou con diferentes concellos para saber das súas peticións e suxestións. Un encontro que, ademais, serviu para presentar as liñas de traballo da FEGAMP nos próximos catro anos. A visita a Ames sucede á xuntanza que Alberto Varela mantivo co alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero.

O alcalde de Ames, José Miñones, e o seu equipo de goberno trasladáronlle a Alberto Varela as dificultades do consistorio para prestar determinados servizos por falta de persoal, con equipos desbordados que non poden reforzar pola estrita taxa de reposición. Neste sentido, Miñones pediulle ao presidente da FEGAMP que se reclame máis marxe de manobra para os concellos, xa que son as administracións que máis están a cumprir en materia de débeda pública. O rexedor local propuxo que se valore a posibilidade de crear unha central de contratación que axude aos concellos na elaboración de pregos e permita axilizar os procedementos de contratación.

José Miñones demandou tamén que se busquen solucións para os municipios que, por ser de tamaño medio, quedan a marxe do financiamento que reciben tanto as cidades máis grandes como os municipios máis pequenos. Precisamente, mellorar o financiamento é unha das prioridades nesta etapa da FEGAMP con Alberto Varela á fronte. Outro obxectivo do novo presidente é que se descargue aos concellos de servizos que están a asumir sen corresponderlles. Para iso, a Federación tentará que se definan máis as responsabilidades das distintas institucións e que as competencias que se transfiran vaian acompañadas sempre dunha memoria económica acordada co concello.

O alcalde de Ames, José Miñones, salientou ao remate da xuntanza que “desde o goberno estamos encantados coa visita e do que escoitamos por parte do presidente da FEGAMP na xuntanza mantida, xa que se trata dunha demanda común na que estamos traballando desde hai tempo e que sufrimos todos os concellos. Asemade, os que medramos tanto en tan pouco tempo estamos a atoparnos cunhas dificultades que non teñen cabida. O que fixemos foi poñer en común todas esas demandas que cremos necesarias e tamén escoitar de quen agora representa á FEGAMP e a todos os concellos de Galicia cales van a ser as liñas estratéxicas, nas que coincidimos”.

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, recoñeceu que “existe unha falta de financiamento por parte das administracións, tanto central como autonómica, e pelexaremos por aumentala. Ademais, os Concellos estamos a asumir un exceso de competencias que non nos corresponden e temos que delimitalas moi ben. Temos que facer ver que as administracións locais cada vez prestamos máis servizos e para dalos correctamente temos que contar co financiamento axeitado. Desde a FEGAMP temos que aproveitar a forza dos concellos porque todos eses retos son compartidos”.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Miñones traslada a FEGAMP as necesidades financeiras e de competencias que necesita Ames"

Imaxe da visita do presidente da FEGAMP

Multimedia

  • Imaxe da visita do presidente da FEGAMP
  • Imaxe da visita do presidente da FEGAMP
  • Imaxe da visita do presidente da FEGAMP
  • Imaxe da visita do presidente da FEGAMP
  • Imaxe da visita do presidente da FEGAMP
  • Imaxe da visita do presidente da FEGAMP