[25-06-2014] O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos municipais. Da convocatoria de axudas de 2014 puideron beneficiarse todas as entidades culturais e as comisións de festas que fixeron a correspondente solicitude. O goberno municipal dispoñía dunha partida de 69.600 euros para o impulso e promoción de actividades culturais e festas populares no municipio amiense. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o goberno municipal destinou un total de 38.344,09 euros á promoción das actividades cultuais e á organización de festexos parroquiais. Estas axudas foron concedidas despois de que a Comisión de Valoración examinase todas as solicitudes presentadas á convocatoria de 2014.
Para a realización de actividades culturais concedéronse 23.744,09 euros, repartidos entre un total de 11 asociacións culturais municipais. Estas subvencións están destinadas á organización de actividades -organización de cursos, adquisición de diverso material, organización do Magosto, compra de instrumentos musicais, celebracións tradicionais, viaxes culturais, obradoiros, certames, etc-.
A contía das subvencións a conceder determinouse despois da consideración das actividades e investimentos a realizar e de acordo cun baremo de puntuacións que tivo en conta o interese da actividade e a súa adecuación ao interese local, o número de socios, a promoción da lingua galega, o orzamento da actividade e o coeficiente de financiamento derivado da solicitude.
Promoción das festas populares
Por outra banda, para a promoción de festas populares celebradas no exercicio 2014 concedéronse un total de 14.600 euros que irán parar as arcas de 8 asociacións e comisións de festas. Nesta ocasión, a convocatoria contemplou un reparto de achegas que dependeu directamente da poboación da parroquia ou lugar no que se celebraron as festas, intentando con isto que a actividade financiada chegue a un maior número de veciños e veciñas.




