Pestanas principais

O goberno de Ames remata a rolda de visitas e asembleas informativas polas distintas parroquias con motivo do proceso de Orzamentos Participativos 2018

Martes, 01 de maio de 2018

[01-05-2018] O pasado 12 de abril desde a Concellaría de Economía e Facenda presentábase, baixo o lema “En Ames participamos e decidimos no noso concello!”, a iniciativa de Orzamentos Participativos 2018, para a que o goberno municipal destinará 192.000 euros. Da contía total, 132.000 euros repartiranse a partes iguais entre cada unha das 11 parroquias do rural amesán. Desta maneira, Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño recibirán, cada unha delas, 12.000 euros. Ademais, destinaranse 50.000 euros para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos á mocidade, un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000 euros). Así mesmo, reservaranse 10.000 euros para actividades ou programados dirixidos á xuventude do concello. O prazo para a presentación de propostas finaliza o próximo 16 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo e a ficha de presentación de propostas dos Orzamentos Participativos 2018.

Ao longo destas últimas dúas semanas, membros do goberno municipal, acompañados de persoal técnico da empresa Sociedade Cooperativa Galega, percorreron as distintas parroquias do rural amesán. Deste xeito, entre o 17 e o 27 de abril, realizáronse todos os días xuntanzas informativas nos locais sociais, sumando no total 12 encontros entre membros do goberno municipal e as veciñas e veciños das diferentes parroquias.

A primeira destas xuntanzas tivo lugar o 17 de abril no local social da Ameixenda. A este primeiro encontro sucedéronse as reunións informativas de Tapia e Augapesada o día 18, as de Agrón e Trasmonte o 19, as de Covas e Piñeiro o 20, a de Ortoño o 24, a de Biduído e Bugallido o 25 e, finalmente, a de Oca e Lens o día 27. Nestes encontros debatéronse e recolléronse as diferentes propostas realizadas por parte da veciñanza, acerca das necesidades da poboación do rural e das preocupacións e actuacións que as veciñas e veciños consideran prioritarias. Estas asembleas iniciais tiveron como obxectivo ofrecer á cidadanía información relativo ao proceso.

Así mesmo, tamén se fixeron visitas aos centros educativos do concello, ao IES de Ames e ao IES do Milladoiro. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, acompañada pola técnica de Mocidade e por persoal da empresa Sociedade Cooperativa Galega, foron os encargados de divulgar o proceso e de traballar co alumnado a través de talleres de creación de ideas. Estas xuntanzas contaron coa colaboración dos equipos directivos dos centros. Alén diso, os días 16 e 23 de abril tamén se realizaron dúas asembleas informativas de Mocidade en Bertamiráns e no Milladoiro, respectivamente. Nestes encontros, as mozas e mozos participantes puideron lanzar ideas, amosando ao mesmo tempo o seu interese e inquietude por participar activamente nas decisións que se adoptan no seu concello. 

No total participaron nestas xuntanzas informativas arredor de 350 persoas, se sumamos a veciñanza das parroquia, a xuventude implicada, os membros do goberno asistentes, a técnica municipal de Mocidade e o persoal da empresa Sociedade Cooperativa Galega. Destas 350 persoas, 200 son veciñas e veciños do rural e máis dun cento alumnado dos centros de ensino secundario do concello.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou a importancia que ten para o concello a implicación da xuventude na toma de decisións: “Desde o goberno municipal comezamos a traballar nos Orzamentos Participativos 2018 con moita ilusión, tentando mellorar e ampliar este proxecto, con novos retos como conseguir que a nosa mocidade se implique e participe activamente no seu concello. Para isto imos poñer todo o noso esforzo en conseguir esa participación e marcar ese antes e despois coa nosa Mocidade, de cara a lograr que o tecido asociativo xuvenil medre en Ames”.



O 16 de maio pecha o prazo para a presentación de propostas 

Cómpre recordar que o prazo de presentación de propostas estará aberto ata o vindeiro 16 de maio. As propostas deberán ser presentadas a través do formulario de propostas e poderán entregarse directamente no Rexistro Municipal (presencial ou telematicamente). Unha vez finalizado o prazo, o persoal técnico municipal seleccionará as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente, desde o 21 de maio ata o 18 de xuño. As propostas seleccionadas priorizaranse, posteriormente, pola Comisión de Orzamentos Participativos 2018. 



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El tripartito amiense concluye las reuniones en las parroquias para los presupuestos participativos"
El Correo Gallego: "Remata a rolda de visitas en Ames polos orzamentos participativos"