Pestanas principais

O Goberno de Ames propón compensar aos veciños do rural baixando a taxa de recollida de lixo a partir de xaneiro de 2013

Luns, 04 de xuño de 2012

[04-06-2012] O Goberno amiense recibiu esta mañá na Casa do Concello a catro representantes dos veciños afectados polo cobro da taxa do lixo. Na reunión, na que estiveron presentes o alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios concelleiros, os representantes do Executivo propuxeron aos veciños varias alternativas e solucións ao conflito. A máis significativa foi que se propón baixar as taxas de recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013, co fin de minorar o pago dos atrasos. Deste xeito, con esta decisión política poderíanse paliar as consecuencias dun proceso legal iniciado polo anterior Executivo amiense en 2010 e que por imperativo legal tivo que ser continuado.

Ademais, o Goberno de Ames amosou a súa predisposición total ao diálogo e emprazou aos representantes dos veciños a presentar posibles solucións legais. O Executivo está aberto a avaliar todas as solucións legais e factibles que se presenten.

Ao encontro, celebrado na Casa do Concello, asistiron o alcalde, Santiago Amor; o concelleiro de Servizos, Ramón Argibay; a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín; o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e a concelleira de Asociacionismo, María González.

Na reunión, os membros do Goberno municipal transmitiron aos veciños a situación herdada con respecto á taxa do lixo e entregáronlle o informe dos servizos xurídicos e económicos do Concello no que se analizan as consecuencias xurídicas que tería a interrupción do cobro da taxa do lixo. Ademais, ao final do encontro uníronse á mesa de reunión os técnicos do Concello -Interventor, Tesoureira e Secretaria Xeral- co obxectivo de que lle solventasen as dúbidas legais xurdidas a raíz das manifestacións realizadas no pleno do pasado xoves.

Así mesmo, os representantes do Goberno municipal fixeron fincapé en que se darán facilidades de pago, permitindo o aprazamento e o fraccionamento das cantidades. O obxectivo desta reunión foi ofrecer información de xeito claro e que os representantes dos veciños puidesen preguntar o que quixeran sobre este tema.

No encontro, reiteráronlle aos afectados que foi o anterior Goberno municipal o que, o pasado 10 de xuño de 2011, só un día antes da toma de posesión da actual Corporación, asinou un contrato con Espina&Delfín para a xestión do padrón da taxa de residuos. Neste momento, o Goberno municipal está dando continuidade, tal e como establece a lei, a ese procedemento iniciado en 2010. Non facelo podería carrexar responsabilidades penais. Destacaron, ademais, que no contrato asinado coa empresa, o anterior Goberno socialista outorgaba á compañía o 4,35% (ive incluído) do principal por todos os cobros realizados en período voluntario da taxa relativa aos residuos sólidos urbanos.

O alcalde e os concelleiros amosáronlle aos veciños un informe asinado polos servizos xurídicos do Concello -Tesouraría, Intervención e Secretaría Xeral-, que se pode consultar desde hoxe na páxina web www.concellodeames.org (na sección AVISOS) e no que se analizan as consecuencias xurídicas de permitir a caducidade do procedemento de comprobación limitada iniciado respecto da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana.