Pestanas principais

O goberno de Ames preséntalle á oposición o primeiro borrador dos orzamentos de 2016

Luns, 02 de maio de 2016

[02-05-2016] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa que o pasado venres, 29 de abril, tivo lugar unha xuntanza cos voceiros dos grupos políticos municipais que non forman parte do goberno para presentarlles o primeiro borrador dos orzamentos de 2016 para o Concello de Ames. Nesta xuntanza participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o interventor do Concello, José Antonio Rueda, e mailos voceiros dos distintos grupos políticos municipais que non forman parte do goberno.

O rexedor municipal explica que “os concelleiros e concelleiras dos grupos municipais da corporación tiveron a oportunidade de coñecer máis en profundidade as contas municipais e facer as preguntas oportunas nesta primeira toma de contacto”.

Na actualidade o Concello de Ames dispón dun orzamento prorrogado que vén do ano 2012. Isto fai que dito orzamento non se axuste ás novas necesidades e realidades municipais, e por iso a prioridade do goberno municipal de Ames é a aprobación dun novo orzamento que reflicta estas necesidades e este novo escenario.

Genma Otero indica que “neste momento enfrontámonos a un dobre reto que é o de ofrecer moitos máis servizos de calidade nun escenario onde a lexislación vixente está a impoñer limitacións”.

Neste encontro o goberno entregou un resumo xeral do orzamento dividido por capítulos e mailo detalle dos gastos e ingresos, así como o anexo de investimentos reais nos que se reflicten as diferentes fontes de financiamento coas que se acometerían os devanditos investimentos.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “confeccionar uns orzamentos que atenderan ás necesidades reais do Concello de Ames era unha asignatura pendente, pois como sabemos levamos desde o 2012 cuns orzamentos prorrogados. Agora toca negociar, escoitar e estudar todas as propostas que poidan aportar os grupos da oposición para tentar chegar a un acordo”.

Actualización da RPT
O goberno recordoulle aos grupos da oposición que o orzamento está pendente da negociación co Comité de Empresa e coa Xunta de Persoal pola revisión da Relación de Postos de Traballo, e que se está a levar de xeito paralelo. Dita RPT leva sen modificarse desde o ano 2007, e son moitas as casuísticas que están enriba da mesa e que deben de pecharse cara á aprobación do orzamento, presentando algúns puntos consecuencias económicas de releve. Neste senso cómpre lembrar que na primeira semana do mes de abril o goberno municipal reuniuse cos representantes do persoal para presentarlles unha proposta inicial coa definición dos obxectivos e criterios técnicos e legais que se poden aplicar á devandita actualización da RPT.

Na reunión mantida cos grupos estivo presente o Interventor municipal que trasladou a información relativa aos límites legais que na actualidade rexen o orzamento. Así deuse conta da necesidade de estabilidade orzamentaria e financeira que debe cumprirse cos novos orzamentos, así como do superávit e a regra de gasto que impide ao Concello gastar máis do 1,8% con respecto ao ano anterior. Tamén se deu conta das consecuencias do incumprimento destas regras e adiantouse un listado de custes que a Administración amesá deberá facer fronte como gastos extraordinarios que lastran o orzamento vixente e superan o millón de euros.

Os grupos da oposición interesáronse sobre o remanente e fixeron preguntas de diversa índole que foron contestadas polo técnico municipal e o goberno. Nesta semana pasarase máis información aos grupos que estudarán a documentación para facer as súas propostas de cara a ser debatidas nunha posterior xuntanza, que quedará convocada durante a terceira semana de maio. O goberno municipal espera ter para esa data nova información sobre a RPT e datos máis actualizados a partir da liquidación do ano 2015 coa que se está xa traballando.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames perfila un presupuesto para este año de 23 millones de euros"
El Correo Gallego: "El primer presupuesto amiense en 4 años prevé bajar y el gasto no podrá crecer más del 1,8 %"