Pestanas principais

O goberno de Ames licitará o servizo das escolas deportivas municipais para as vindeiras catro tempadas

Sábado, 06 de agosto de 2016

[06-08-2016] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 4 de agosto, o expediente de contratación do servizo das escolas deportivas municipais que se realizará a través dun procedemento aberto, oferta economicamente máis vantaxosa con varios criterios de adxudicación e tramitación urxente. Os pregos que regulan este proceso de contratación establecen que o contrato que se asine coa nova empresa adxudicataria deste servizo municipal terá unha duración de dúas tempadas prorrogables ata un máximo de catro.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “a urxencia deste proceso de licitación está motivada pola imposibilidade de levar adiante este procedemento con anterioridade á negociación que se realizou no Consello de deportes e que supoñía un cambio na xestión deportiva ao ser os clubs os que directamente levasen as escolas deportivas. A non aprobación, por parte da oposición, na sesión plenaria do 28 de xullo de 2016 da modificación da ordenanza reguladora do prezo público por servizos culturais e deportivos, provocou a obrigatoriedade de prorrogar os contratos das escolas”.

Para non crear diferencias entre clubs que xestionan escolas, onde uns cobran subvencións e outros non, o goberno municipal na reunión mantida a pasada semana cos clubs afectados, aprobou facer extensible os contratos de xestión das escolas con aqueles clubs que amosaron o seu interese en xestionar dito servizo. Isto obrigou a modificar o actual contrato das escolas, nas que actividades como o baloncesto e a patinaxe elimínanse da oferta da empresa para ser impartidas por clubs deportivos de Ames.

A aprobación da nova ordenanza ía establecer un cambio nos modelos de xestión das escolas deportivas acordado no Consello Consultivo de Deportes, no que están integrados clubs e asociacións deportivas sen ánimo de lucro, ademais das ANPAS, centros escolares e grupos da oposición. Esta circunstancias, unidas a novas necesidades, fan necesario acudir a unha nova licitación que deberá tramitarse polo procedemento de urxencia, xa que as escolas comezan a súa actividade en outubro.

A duración inicial establecida é de dúas tempadas: outubro 2016 - agosto 2017 e outubro 2017 - agosto 2018, podendo prorrogarse de maneira expresa por períodos dunha tempada, por mutuo acordo das partes, ata un máximo de catro tempadas. Cada tempada divídese a súa vez en tempada ordinaria (meses de outubro a maio) e tempada de verán que inclúe os meses de xullo e agosto para a actividade de natación de verán. A intención do goberno de ampliar un mes máis este servizo (ata xuño) non poderá levarse adiante neste momento, ao non estar contemplado na ordenanza actual que se pretendía cambiar, tal e como se acordara previamente no Consello de deportes.

Os interesados poderán presentar as ofertas no prazo de 15 días naturais desde a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia e no perfil do contratante do Concello de Ames.

Dentro do obxecto do contrato establécese un programa mínimo deportivo que inclúe a prestación de actividades para nenas/os, mozas/os e adultos: ballet; judo; natación; predeporte; tenis; ximnasia rítmica; aerozumba; pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento, sen prexuízo das novas necesidades que poidan xurdir.

A actividade de aerobic pasa a renovarse como aerozumba, tal e como viña demandándose na actualidade. Outra das novidades acordadas no Consello deportivo é a ampliación do número de actividades, como adestramento funcional ou pádel, pero que tampouco poderá levarse adiante ao non ser aprobada a modificación da ordenanza e ao ter que manterse os contratos deportivos.

Novos pregos e cláusulas
Introdúcese por primeira vez unha cláusula social de apoio e blindaxe ao persoal monitor introducindo unha puntuación pola mellora da retribución bruta das monitoras/es deportivos, establecendo unha graduación por puntos se se mellora esa retribución bruta mínima.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, expón como responsable do departamento de Contratación que “as escolas deportivas municipais son un servizo que, sen dúbida, mellora a saúde e a calidade de vida e contribúe a socialización das nenas/os e adultos cun amplo abano de actividades. Desde o departamento de Contratación continuamos introducindo cláusulas sociais nos pregos, e neste caso puntuamos como mellora a blindaxe das retribucións do persoal monitor porque son profesionais que teñen que ter o recoñecemento e as retribucións que lle corresponden por un traballo ben feito”.

Dende o departamento de Deportes estívose traballando nuns novos pregos que mellorasen a calidade da prestación do servizo. Xa no mes de abril contábase cun borrador co obxectivo de levar adiante este concurso o antes posible, así o destaca o alcalde e concelleiro de Deportes que sinala que "dende a oposición estivemos moi enriba deste contrato e solicitamos ao goberno anterior que actuase facendo oídos xordos. Agora introducimos varias cláusulas que permitirán mellorar os erros detectados".

Nos novos pregos inclúese un apartado de puntuación para a achega de material deportivo, mellorando o existente, e unha valoración para o proxecto presentado. Tamén introdúcese como novidade un apartado de valoración para a empresa que oferte monitores para atender a nenas e nenos con necesidades especiais, abrindo así a posibilidade de facer deporte a todos os colectivos e amosando o compromiso do goberno con estes colectivos.

Miñones afirma que "esta licitación puido estar aprobada xa no mes de maio de saberse o posicionamento dos grupos da oposición. Agora esperamos que se resolva o antes posible e poder mellorar a calidade das escolas deportivas, aínda que non se poidan levar a cabo todas as novidades que o goberno tiña pensado".

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello licitará las escuelas deportivas para cuatro temporadas"