Pestanas principais

O goberno de Ames levou a cabo a aprobación inicial do plan especial de equipamentos para a futura construción dun novo CEIP no Milladoiro

Xoves, 19 de xaneiro de 2012

[19-01-2012] A Xunta de Goberno de Ames levou a cabo a aprobación inicial do plan especial de equipamentos para a futura construción do colexio de educación infantil e primaria de Ames no Milladoiro. O emprazamento do novo centro educativo será na rúa Nova, na estrada de Milladoiro a Ventín. A parcela que o goberno popular de Ames pon a disposición da Xunta é de 20.600 metros cadrados e a clasificación actual da mesma é de solo rústico apto para urbanizar. A xunta de Goberno de Ames tamén aprobou a licencia de obra maior para a construción da nave de mantemento, a marquesina de prácticas de golf de catro pistas de tenis descubertas e o aparcamento das futuras instalacións que o Aeroclub está construíndo en Ames.

A Xunta de Goberno Local sacou adiante a aprobación inicial do plan especial de equipamentos para cederlle á Xunta de Galicia unha parcela para a nova escola do Milladoiro. Este plan someterase a exposición pública durante un mes. Con esta importante modificación urbanística e unha vez superados os trámites administrativos necesarios, o goberno do Partido Popular de Ames porá a disposición da consellería de educación o solo necesario para a construción dun novo colexio de infantil e primaria no Milladoiro.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación solicitara en febreiro do ano 2010 ao anterior goberno dos socialistas un mínimo de 13.000 metros cadrados para a construción dun centro. "En tan só sete meses no goberno estamos en condicións de afirmar que o terreo terá máis de 20.000 metros cadrados, que terá unha boa ubicación propicia para a expansión natural do núcleo de Milladoiro e que satisfará unha gran necesidade para os veciños de Ames" explicou o concelleiro de urbanismo, Ramón García Argibay.

O novo centro de infantil e primaria disporá de tres aulas por curso, considerando tres cursos de educación infantil e seis de educación primaria, suporá un total de 27 aulas. A superficie a construír é de 3.400 metros cadrados, aos que se sumarán 350 m² para o comedor e 90 para a comida, o que fai un total de 3.840 m². Ademais contémplase a construción de dúas pistas deportivas de 20x40 cada unha. Unha das pistas debería estar polo menos parcialmente cuberta. Tamén se construirá un porche cuberto para o recreo dos nenos e nenas de infantil de 540 m² e a escola contará ademais cunha área de xogos de 340 m².

Licencia para a construción dunha nave de mantemento, unha marquesina e un aparcamento nas instalacións do Aeroclub

A Xunta de Goberno local tamén aprobou a licencia de obra maior para a construción da nave de mantemento, a marquesina de práctica de golf de catro pistas de tenis descubertas e o aparcamento para o complexo que o Aeroclub está construíndo na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro.

O seis de outubro de 2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e urbanismo informou favorablemente para a práctica de actividades deportivas que se desenvolverán ao aire libre en solo rústico. O 27 de decembro de 2011 a Xunta de Goberno Local concedera a licencia de instalacións e obra para o campo de golf. As obras deberán dar comezo antes de seis meses e terán que finalizar antes de tres anos.

O concelleiro de urbanismo, Ramón G. Argibay, explica que nos sete meses de goberno popular xa se deu a licencia de campo de golf para a nave, para a pista de tenis e para o aparcamento das instalacións do Aeroclub.

García Argibay tamén destaca a importancia dos pasos dados para poñer a disposición da Xunta unha parcela para construír un centro educativo. "Queremos que os nenos de Ames teñan centros suficientes e de calidade para poder estudar no noso municipio, e traballaremos para que iso sexa posible".



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Equipamientos para el colegio de O Milladoiro"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames da licencia a nuevas obras del campo de golf"