Pestanas principais

O goberno de Ames e a representación sindical do Persoal Funcionario e Laboral do Concello comezaron a negociación que debe culminar coa modificación global da Relación de Postos de Traballo.

Sábado, 05 de xuño de 2021

Este inicio das negociacións responde a unha reivindicación sindical de proceder a abordar de forma sistemática a Relación de Postos de Traballo, por canto vixente data do ano 2007 e precisa dunha actualización que responda a realidade actual do Concello. Neste sentido, estímase  imprescindible abordar  a negociación global da  RPT, coñecendo, estudando e valorando todos os aspectos que sexan necesarios, desde sistemas de provisión a niveis a áreas funcionais, denominación, complemento específico e localización das prazas.

Segundo indica Víctor Fernández, Concelleiro de Administración Xeral, “con este inicio das negociacións pretendemos non só comezar xa os traballos, senón facelo sistematicamente, cun calendario de reunións mensuais  e unha metodoloxía que garantan que a negociación se desenvolverá con axilidade e que avanzará con pasos firmes e consistentes. O obxectivo debe ser concluír cun acordo sólido e global para a modificación da  RPT e facelo nun prazo razoable.”

Pola súa banda, Rubén Ramos, presidente do Comité de empresa manifesta que "desde hai moitos anos vimos reclamando unha actualización da RPT , xa que a que esta en vigor data do 2007 e cremos que está moi obsoleta. A RPT é o instrumento de organización mediante o cal o concello estrutura o seu persoal e cremos básico a súa adecuación á realidade actual no tocante a reorganización do traballo, a adecuación salarial ao traballo e as funcións desempeñadas por todos os compañeiros e compañeiras. Esiximos ao goberno axilidade e consenso para levar a negociación a bo porto. Por nós non vai quedar".

A reunión acudiron o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Administración Xeral, Victor Fernández, Rosa Moreiras e Rosa García, delegadas sindicais da CIGA, Ramón Cebei, delegado sindical do CSIF, Pablo Moure, representante de Comisións Obreiras e os concelleiros do goberno David Santomil e Gemma Otero.

Está previsto que a vindeira reunión se celebre o martes, 6 de xullo.

Casa do Concello