[17-10-2015] Varios membros do Goberno de Ames percorrerán o luns 19 de outubro un tramo do Camiño de Santiago entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro. O roteiro foi proposto pola “Asociación Española contra o Cancro de Mama” e levarase a cabo na data exacta na que se conmemora o Día Mundial contra esta enfermidade. Porén todo o mes de outubro dedicase á sensibilización sobre este tipo de cancro e o Goberno de Ames ten previsto ademais ofrecer unha charla no local de JUPEMI e colocar cestiñas con lazos rosas nas dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro para que calquera persoa que o desexe poida levala na solapa e amosar así a súa solidariedade con este grave problema. O Goberno convida á veciñanza a que se sume a estas propostas.
O Roteiro contra o Cancro que organiza a “Asociación Española contra o Cancro de Mama” e no que participarán varios membros do Goberno de Ames partirá do Monte do Gozo ás 9:30 da mañá do luns, 19 de outubro, Día Mundial contra o Cancro de Mama, e percorrerá o último tramo do Camiño de Santiago ata a praza do Obradoiro. Logo os participantes achegaranse ata San Martín Pinario e finalmente farán unha comida de confraternidade. O Goberno de Ames convida aos veciños e veciñas de Ames a que participen neste roteiro e no resto dos actos e accións que ten previsto realizar para sensibilizar á poboación sobre esta enfermidade, a necesidade de que sexa detectada canto antes e o imprecindible que é que se continúe estudando o xeito de curala.
Por outra banda, o xoves 22 de outubro, as 19:30h, no local social de JUPEMI, A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, terá lugar unha charla que levará por título “Que o cancro non te deixe sen palabras”. A entrada a esta charla é libre e gratuíta. Ademais o goberno, a través da concellaría de Servizos Sociais, encargou á Asociación Arcea Adames a realización dos tradicionais laciños rosas, símbolo da loita contra o cancro, e colocaraos nas dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro para que calquera veciño ou veciña que o desexe poida prendelo da roupa e amosar así a súa sensibilidade co tema.
“Este mes é o mes de sensibilización sobre o Cancro de Mama e é imprescindible que tamén desde a administración contribuamos a aumentar a atención e o apoio cara á sensibilización, a detección precoz, o tratamento e os cuidados paliativos que require esta enfermidade. Por iso decidimos sumarnos ás actividades que nos propuxo a Asociación Española de Loita contra o Cancro para deste xeito contribuír a concienciar aos veciños e veciñas de Ames sobre este problema e sobre a necesidade de realizar os controis que tantas veces fan que a enfermidade, ao ser detectada a tempo, non teña os efectos tan negativos que pode ter”, manifesta Luisa Feijoo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, quen tamén anuncia que se planificarán máis charlas en centros escolares.
A principios deste mes de outubro, o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, mantiveran unha xuntanza coa responsable de área da Asociación Española Contra o Cancro, María del Carmen Fernández. Nesta xuntanza decidiuse que o Goberno participaría no devandito roteiro, encargaría os laczos rosas e planificaría as charlas. Ademais, desde a Asociación Española Contra o Cancro informáronlle aos membros do goberno dos servizos dos que dispoñen: banco de perrucas, psicólogo e logopeda.




