Pestanas principais

O Goberno de Ames avanza na tramitación do solo para implantar unha dotación escolar no Milladoiro

Xoves, 05 de xullo de 2012

[05-07-2012] A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á aprobación provisional do plan especial de dotacións e infraestruturas para a posta a disposición de terreos nos que implantar unha dotación escolar no Milladoiro. Con este importante paso, o Goberno de Ames avanza na tramitación do solo para poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela de 20.690 metros cadrados coa que poder dotar ao Milladoiro dun novo CEIP que permitiría desconxestionar os centros educativos da zona. Deste xeito, dase cumprimento ao compromiso do grupo de Goberno de dar os pasos necesarios para a futura implantación dun novo CEIP no Milladoiro.

Este plan foi aprobado inicialmente no mes de xaneiro de 2012 e posto a exposición pública, un período no que non se produciron alegacións nin se introduciron modificacións substanciais. Polo tanto, o seguinte paso era a aprobación provisional do plan, que se levou a cabo hoxe. Seguidamente, unha copia do expediente completo será remitida á Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, que ten un prazo de tres meses para ditaminar. Esta é a segunda modificación do plan xeral levada a cabo polo Goberno de Ames tras moitos anos sen que se realizase ningunha.

A parcela está situada na Rúa Nova, na estrada que vai do Milladoiro a Ventín. En total, conta con 20.690 metros cadrados de solo rústico apto para urbanizar. O emprazamento está situado a escasos 120 metros do núcleo urbano e conta con accesos en distintas direccións. Na parcela destinaranse 17.632 metros cadrados para uso dotacional e 3.050 metros cadrados de superficie de ampliación do viario existente.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Dan luz verde al plan especial para el nuevo CEIP de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "O Goberno de Ames avanza na tramitación do solo para implantar unha dotación escolar no Milladoiro"