[20-07-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado de varios concelleiros deu hoxe unha rolda de prensa para dar conta da situación económica do Concello. Santiago Amor cualificou a situación de “moi crítica” e lamentou “ter un presuposto prorrogado, coas limitacións que ten e sen marxe de manobra ata fin de ano ou ata que teñamos un novo presuposto”. Amor explicou que a situación económica actual no concello é difícil e aportou datos: a débeda concertada con bancos é de 4.144.369,20 euros, e a débeda viva do concello de Ames é de 11.774.776,42. O concello de Ames ten que facer ademais unha devolución de 411.294,33 ao Estado pola mala previsión do Goberno Central. Ademais a Xunta de Galicia retenlle trimestralmente ao concello 73.000 euros.
Facturas pendentes de pago
Amor explicou que en en facturas "de caixón" que están pendentes de pago e non se poden tramitar por falta de cartos, a débeda ascende a 2.002.292,50 euros. O alcalde dixo tamén que no capítulo de gasto corrente o concello de Ames conta con tan só 3.413,25 euros para rematar o ano. En referencia a este último dato Amor apuntou que "a verdadeira asfixia económica son eses 3.413 euros e non a asfixia que dicía sentir o anterior alcalde por parte da oposición".
O rexedor amiense explicou tamén que os servizos básicos e os soldos dos traballadores do concello están garantidos. Neste senso, o concelleiro de Persoal, Ramón G. Argibay, apuntou que se lles pedirá un esforzo extra aos traballadores en canto ás horas extra para intentar buscar unha solución no referente a este gasto, que supón "unha cantidade importante". Argibay apelou á boa disposición que xa amosaron os traballadores noutras ocasións para compensar as horas extra con horas ou para negociar cos sindicatos fórmulas alternativas.
Novo orzamento
O actual goberno está traballando ademais nun novo orzamento de cara ao ano 2012. Santiago Amor asegurou que se trata dun orzamento planificado, crible e real e que non estará pensado "para atraer grandes titulares" pois o o obxectivo principal será que teña un elevado grao de cumprimento. Amor recordou que o grao de execución do orzamento do 2010 é tan só do 37%.
O alcalde amiense reflexionou sobre a situación difícil do concello e asegura que "a situación que herdou o anterior alcalde é moi diferente da que nós nos atopamos". "Xa nos gustaría herdar a situación económica que tiña este concello no ano 2003", di Santiago Amor. Con todo Amor reitera o seu compromiso de manter os servizos básicos e de conciliación de vida laboral e familiar, así coma o compromiso electoral de conxelar os impostos, aínda que é previsible algunhas taxas teñan que sufrir axustes.
Contido relacionado
ABC: "Amor encuentra facturas en los cajones por valor de 2 millones"
El Correo Gallego: "Ames tiene una deuda viva de casi 11,8 millones de euros"
La Voz de Galicia: "El PP de Ames encuentra dos millones en facturas impagadas"
La Voz de Galicia: "Argibay anunció una subida de tasas que a corto plazo no incluirá los comedores"