Pestanas principais

O Goberno de Ames apraza o debate dos orzamentos co obxectivo de que os técnicos estuden as emendas presentadas e para abrir unha vía de negociación e diálogo

Venres, 27 de xullo de 2012

[27-07-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, decidiu onte, durante a sesión plenaria, aprazar o debate dos orzamentos municipais para 2012 co obxectivo de que os técnicos municipais poidan analizar e estudar con detalle as emendas presentadas polos grupos da oposición no mesmo momento do debate.

O rexedor considerou que as emendas, que inciden moi directamente en contidos importantes do orzamento, precisan ir acompañadas de informes técnicos, polo que optou por deixar sobre a mesa este punto para abordalo nunha próxima sesión plenaria. O obxectivo desta decisión é iniciar unha vía de negociación e diálogo sobre os orzamentos. 

Acto seguido, o pleno continuou tras a retirada dos grupos da oposición. Na sesión, deuse luz verde a unha operación de crédito de 70.212,16 euros, correspondente á segunda fase do sistema de pago a provedores e que será formalizada hoxe coa entidade bancaria. 

O Instituto de Crédito Oficial (ICO) autorizou esta operación, que ten como obxectivo financiar o pago das facturas dos provedores que, incluídos na relación inicial, non comunicaron a súa vontade de participar no procedemento ata a segunda fase. 

Ademais, autorizouse a prórroga dun ano do contrato de xestión da piscina cuberta municipal de A Telleira. A empresa concesionaria asumirá unha obra de reforma das distribucións dos espazos, realizando unha serie de obras de reforma que permiten a ampliación da sala de fitness ata unha superficie de 236 metros cadrados e na que se situarán os aparellos de orientación cardio-respiratoria e os de orientación muscular.