[11-09-2015] Colaborar no servizo do roupeiro, axudar en tarefas de interpretación e apoio lingüístico, acoller directamente na casa ou cedendo vivendas baleiras... o goberno de Ames fai un chamamento a todos os veciños e veciñas de Ames para que colaboren na axuda aos afectados polo conflito humanitario provocado pola guerra de Siria. O obxectivo é organizar as posibilidades de acollida e facer unha previsión dos medios cos que se pode contar. As persoas que queiran colaborar poden facelo enviando un correo electrónico a servizos_sociaismilla@concellodeames.org e indicando no asunto ACOLLIDA, ou chamando ao teléfono 662371079. O Concello de Ames foi declarado “Concello de Acollida” no pleno do día 3 de setembro.
O xoves 3 de setembro, o pleno do Concello de Ames aprobou por unanimidade a moción de urxencia presentada polo grupo de Ames Novo na que se instaba a que Ames se sumara aos municipios que acollen refuxiados sirios. Nas propostas de resolución acordouse comunicar a resolución ao Ministerio de Asuntos Exteriores a decisión de ser municipio acolledor, instar á Xunta de Galicia para que elabore un plan de acollida, nomear ao alcalde para cantos trámites sexan precisos para executar os acordos e poñer en marcha os medios necesarios para acoller aos refuxiados, contando coa colaboración e a participación dos veciños/as.
A concellaría de Servizos Sociais está organizando as posibilidades de acollida e facendo unha previsión dos medios cos que se pode contar. Con esta finalidade, o Concello fai un chamamento aos veciños e veciñas para que indiquen a forma en que pode colaborar cada persoa. “As posibilidades de colaboración son moitas desde ofrecer respaldo para organizar o roupeiro ou axudar nas tarefas de interpretación e apoio lingüístico, ata acoller directamente na casa a algún dos refuxiados ou ceder temporalmente vivendas baleiras”, manifesta a concelleira de Servizos Sociais Luisa Feijoó.




