Pestanas principais

O Goberno de Ames ao completo recibiu ao delegado do Goberno, José Miñones, na súa primeira visita institucional ao Concello de Ames

Venres, 25 de xuño de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, acompañado de todo equipo de goberno municipal e dos voceiros dos grupos políticos recibía ás 10:00h da mañá de hoxe ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ámbolos dous mandatarios trataron temas de gran interese para o concello como a humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro ou a ampliación horaria da oficina de Correos do Milladoiro. O Delegado do Goberno, José Miñones, aproveitou a ocasión para anunciar a incorporación de catro efectivos ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, volveu ao Concello de Ames para realizar unha vista institucional e de traballo. Este encontro prodúcese tres meses despois de que Miñones cesara como alcalde do concello ao ser nomeado delegado do Goberno. Nesta primeira visita institucional á que fora a súa casa foi recibido polo equipo de goberno ao completo e polos voceiros dos grupos políticos.

O encontro comezou no Salón de Plenos do concello onde Blas García, alcalde de Ames, quixo trasladarlle os puntos máis importantes en que están a traballar dende o concello e pediulle a colaboración en asuntos de gran calado para o concello e para toda a veciñanza de Ames.

Blas García pediulle que interferira para acadar a apertura da oficina de Correos do Milladoiro polas tardes, pois segundo o alcalde de Ames esta é unha reclamación histórica dos veciños e veciñas do Milladoiro.

Outro dos asuntos sobre os que o alcalde de Ames solicitou a colaboración do delegado do Goberno foron os traballos de humanización da N-550, a elaboración da axenda urbana do concello para a próxima década e o seguimento dos traballos de ampliación da depuradora da Silvouta.

Miñones argumentou que esta visita forma parte do compromiso adquirido de visitar todos os concellos para atender as súas demandas e trasladarllas ao Goberno de España. José Miñones aproveitou a ocasión para dar a coñecer os eixes de traballo do goberno español ás que se pode sumar o Concello de Ames coma o plan de carteiros do rural e as subvencións e liñas de axuda á dixitalización, ao plan de mobilidade ou de eficiencia enerxética.

O delegado do Goberno anunciou a ampliación en catro efectivos o cuartel da Garda Civil do Milladoiro, o que José Miñones valorou como unha moi boa nova pois este incremento vai redundar nun mellor servizo, vai permitir mellorar as quendas e unha mellor colaboración coa policía local.

Tras a intervención do alcalde e do delegado do Goberno os voceiros do grupos municipais quixeron felicitar a José Miñones polo seu nomeamento como delegado do Goberno e ao mesmo tempo amosar o seu orgullo por que un amiense nos represente en Galicia e en España.

Nesta primeira visita institucional ao concello, José Miñones, asinou no libro de honra e recibiu un obsequio de todo o equipo de goberno.

Tras esta xuntanza previa Blas García e José Miñones tiveron unha reunión de traballo para coñecer como se encontra o proxecto de humanización da N-550. A esta reunión asistiron, tamén, os membros da empresa de enxeñería que están elaborando o anteproxecto e técnicos do MITMA.

Humanización da N-550
O Delegado do Goberno, José Miñones, deu a coñecer esta mañá como evolucionan os traballos de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro.

Segundo Miñones xa se completou a primeira fase que consistía no desvío do tráfico pesado da nacional. Arestora está en marcha a segunda fase, onde se están a realizar os estudos da glorieta que vai desviar o tráfico de Santiago de Compsotela directamente ao parque empresarial do Milladoiro e que vai estar listo despois do verán.

Unha vez rematado este estudo dará comezo a terceira fase que vai ser a de encargo do proxecto. Paralelamente ás obras da glorieta vanse ir definindo os traballos de humanización a levar a cabo como son a redución de 4 a 2 carrís de circulación, a ampliación das medianas e do espazo para os peóns co que quedaría rematada a cuarta fase do proxecto.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Miñones vuelve a Ames para recalcar la implicación estatal en la humanización de la N-550"

El Correo Gallego: "O Milladoiro tendrá tras el verano su estudio para desviar el tráfico"

Compostela 24horas: "O Goberno de Ames ao completo recibiu ao delegado do Goberno, José Miñones, na súa primeira visita institucional ao Concello de Ames"

Lindeiros: "José Miñones volveu a Ames como Delegado do Goberno"

Visita ao concello do delegado do Goberno

Multimedia

  • Visita ao concello do delegado do Goberno
  • Visita ao concello do delegado do Goberno
  • Visita ao concello do delegado do Goberno
  • Visita ao concello do delegado do Goberno
  • Visita ao concello do delegado do Goberno
  • Embedded thumbnail for