Pestanas principais

O goberno de Ames acada a transferencia da avenida da Maía cunha achega económica da Xunta de 140.000 euros para mellorar o seu firme

Sábado, 14 de setembro de 2019

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta semana unha xuntanza co director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na que acordaron a sinatura dun convenio, ao longo deste ano e ligado ao orzamento da Xunta de 2020, para transferir a avenida da Maía ao Concello de Ames. A Xunta financiará con algo máis de 140.000 euros a mellora do firme da travesía AC-543, en Bertamiráns, unha vez que o Concello de Ames asuma a titularidade desta tramo estrada.

Este acordo chega despois de dous anos de negociacións. Ditas negociación comezaron en maio de 2017 e finalizan agora con este acordo que permitirá que o tramo da estrada AC-543, na travesía da Avenida da Maía, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+360, pase a ser de titularidade municipal.

Meses atrás o Concello presentoulle un estudo económico á Xunta para mellorar o firme de dita estrada. Agora a Xunta será a que asuma, con algo máis de 140.000 euros, a mellora do firme da travesía AC-543, en Bertamiráns. Será o propio Concello o que tramite o expediente de licitación destas obras de mellora do firme da avenida da Maía.

O goberno municipal congratúlase da boa disposición que agora amosou o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas. Con dita transferencia, o Concello terá a titularidade e poderá así levar a cabo melloras nesta avenida, tales como a mellora dos pasos de peóns, o pintado do firme, a creación de novos pasos ou a adecuación das prazas de discapacitados ou de prazas de carga e descarga.

O alcalde de Ames, José Miñones, sinalou que “o obxectivo deste goberno é acadar unha humanización do noso entorno urbano e a transferencia da avenida da Maía vai permitir comezar a traballar neste proxecto ambicioso, que permita priorizar o tránsito peonil sobre o do vehículo nunha transformación de anos”. O goberno informa que neste trimestre comezará a traballar nun proxecto de investimento, para levar a cabo cos cartos que aportará a Xunta a través do convenio.

Posible implantación dunha superficie comercial
Ademais, outra das actuacións que se desbloquea con este acordo é a implantación dunha superficie comercial no entorno da área de Chavián e cuxo proxecto quedou bloqueado meses atrás pola negativa da Xunta a dar acceso a esta superficie dende a Avenida da Maía. Agora, unha vez esta estrada pase a ser de titularidade municipal, poderá continuarse coa tramitación para a posible implantación de dita superficie comercial na localidade de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La travesía de Bertamiráns desde la rotonda de la AG-56 hasta Brión será municipal"

El Correo Gallego: "Ames non recibirá cartos ata asumir a Avenida da Maía"

La Voz de Galicia: "Bertamiráns despierta interés para abrir otro gran supermercado en la avenida da Maía"

Imaxe da avenida da Maía, en Bertamiráns