Pestanas principais

O goberno de Ames aborda co director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, a apertura da potabilizadora de Ponte Maceira

Mércores, 29 de xullo de 2015

[29-07-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, para abordar varios temas entre os que destacan a apertura da ETAP de Ponte Maceira, que abastecerá de auga aos concellos de Ames e Brión, da depuradora de Sisalde e da limpeza do río Sar ao seu paso polo paseo fluvial de Bertamiráns.

No tocante á ETAP de Ponte Maceira dende Augas de Galicia agradecéronlle ao novo goberno municipal a axilidade coa que asinaron os contratos da instalación de Fenosa, que estaban pendente de asinar por parte do anterior goberno, e que lles permitiu seguir avanzando de cara a poder poñer en servizo esta instalación o máis axiña posible.

Por outra banda, dende o goberno municipal o alcalde trasladoulle a solicitude conxunta co alcalde de Brión de apertura inmediata da ETAP. Tal e como afirma Miñones “a urxente necesidade de dispor da ETAP o antes posible debido aos problemas de abastecemento que está sufrindo a poboación de Ames e Brión”. Neste senso, dende o organismo autonómico comprometéronse a acelerar o máximo posible a posta en marcha desta instalación.

O director de obra, que tamén asistiu a esta xuntanza, explicou que durante o mes de agosto realizaranse as probas de funcionamento tramo a tramo e os análises correspondentes. Estes traballos hai que realizalos antes de poñer en marcha a ETAP, polo que non se pode dar o servizo sen ter eses análises realizados. Deste xeito, segundo destaca o rexedor municipal “as datas que manexan para abrir a potabilizadora de Ames-Brión é a comezos do mes de setembro, aínda que intentarán acelerar o proceso para poder entregar a obras a última semana de agosto”.

Outro dos temas que se abordaron nesta xuntanza foi o sistema de pagos referente a esta instalación. Augas de Galicia trasladoulle ao goberno municipal que é preciso dispor dun acordo plenario da nova corporación relativa aos pagos da nova ETAP. Deste xeito, José Miñones explica que terán que poñerse en contacto o departamento de Intervención e Augas de Galicia para que concreten os aspectos técnicos necesarios. O alcalde lamenta que “o anterior goberno non fixera achega algunha ano a ano, tal e como foi aprobado no pleno, deixando á nova corporación todo o pago desta infraestrutura”.

Depuradora de Sisalde
Por outra banda, o rexedor municipal insistiu na necesidade de realizar un estudio da rede, antes de abordar a ampliación da depuradora de Sisalde. Ademais, quedou en facer unha coordinación futura para a realización da auditoría do estado da rede municipal, facéndoa coincidir co que está a levar Augas de Galicia sobre as canalizacións que van a EDAR.

Por último, o alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos insistiron na necesidade de limpar o río Sar, ao seu paso por Bertamiráns, e solicitaron actuacións puntuais en diversos puntos que permitan arranxar os problemas de depósitos e desborde do río nos meses de inverno. Miñones explica que lle fixeron “unha invitación formal ao director de Augas de Galicia para que veña ata Ames a ver in situ o problema do que falamos. O director mostrou boa disposición ante esta invitación e comprometeuse a estudar a posibilidade de visitar o noso concello e facer algún tipo de actuación conxunta co Concello”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La potabilizadora de Ames y Brión funcionará a finales de agosto"
El Correo Gallego: "A Xunta entregará en agosto a Ames a potabilizadora de Ponte Maceira"